subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Retomadas as conversas para acondicionar a Vía Verde Santiago-Oroso-Ordes.


orosoOs Concellos de Santiago, Oroso e Ordes queren recuperar un vello proxecto para a posta en valor do antigo trazado ferroviario entre Compostela e Ordes: a Vía Verde. Impulsado por Oroso, o protocolo para a creación, xestión, explotación e mantemento da Vía Verde fora asinado en 2008 polos tres gobernos locais implicados, pero finalmente non se deron os pasos necesarios para poñer en marcha a iniciativa. Por iso, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, recibiu no Pazo de Raxoi ao alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e á concelleira de Medio Rural e Medio Ambiente de Ordes, Ana María Soneira, co obxectivo de retomar o proxecto. Na reunión, os tres concellos amosaron o seu desexo de facer realidade a Vía Verde, dada a súa potencialidade ambiental, patrimonial e turística.

A posta en valor dos antigos camiños do ferrocarril entre Santiago e Ordes depende tamén do ADIF, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, comprometeuse a levar a iniciativa nas conversas co ente, posto que foi este Concello o que impulsou o proxecto no seu comezo. Pola súa banda, o Goberno compostelán farase cargo das negociacións coa Xunta e coa Deputación da Coruña, para procurar o seu respaldo á iniciativa. Ademais de iniciar conversas con outras administracións, na reunión de hoxe acordouse revisar o orzamento necesario para o acondicionamento da Vía Verde. A última estimación foi realizada en 2007 e fala de 1,7 millóns de euros.

O trazado da Vía Verde discorre por catro parroquias compostelás: A Sionlla, Busto, Berdía e Nemenzo; ademais de polos municipios de Oroso e Ordes. En total, serían 24 quilómetros de trazado ferroviario, que se poderían transitar a pé ou en bicicleta.