subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso investirá máis de 170.000 € en ampliar a escola infantil da Ulloa e mellorar o alumeado, a sinalización e a Casa do Concello.


O Pleno aproba por unanimidade o Plan de Aforro e Investimento (PAI), que contempla máis de 40.000 € para redución de débeda.

O Concello de Oroso investirá 59.300 euros na ampliación da escola infantil da Ulloa, que incrementará nun tercio a súa superficie. Esta actuación inclúese dentro do Plan de Aforro e Investimento (PAI), que ascende a 214.920,47 euros e que foi aprobado por unanimidade na sesión extraordinaria celebrada esta mañá.

O Concello de Oroso destinará 44.687,97 euros a reducir o endebedamento e achegará 7.889 euros de fondos propios aos 170.238,50 euros do préstamo provincial para a execución de catro proxectos de obras. O máis salientable inclúe a ampliación da escola infantil municipal da Ulloa. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, salienta que “con esta actuación continuamos na nosa liña de apoiar dous dos nosos piares fundamentais: o ensino e o benestar social. Este proxecto permitirá ofrecer unha maior calidade no servizo, facilitando a conciliación familiar”.

Cun orzamento de 59.300 euros, o proxecto contempla a habilitación dun área de descanso de 32 m2, con baños para os alumnos (5,5 m2), unha sala para profesorado (9 m2) e un almacén (9 m2). “A creación da zona de descanso suporá unha mellora importante, xa que con anterioridade os cativos so tiñan o espazo do comedor”, concreta o rexedor, “agora disporán dunha área de descanso anexa”. Para non interromper o ritmo do curso escolar, o Concello de Oroso prevé acometer as obras durante o verán. “Aínda que o prazo de execución é de seis meses, tentaremos reducilo a tres”, explica Mirás Franqueira.

Actuacións

O Plan de Aforro e Investimento tamén prevé a mellora da sinalización vertical e horizontal da capital municipal, Sigüeiro. A actuación ten un orzamento de 30.000 €. “Levarase a cabo a delimitación das prazas de aparcamento e repintaranse os pasos de cebra en todo o núcleo urbano, conseguindo deste xeito unha mellora na seguridade vial e peonil”, indica Mirás.

Tamén relacionado con cuestións de mellora da seguridade está o proxecto previsto nos núcleos de Vilalbarro e O Cruceiro, no que se investirán case 33.000 euros. A actuación contempla a reposición dun total de 14 luminarias en dous núcleos que son lugar de paso para moitos veciños de Oroso.

Finalmente, reservouse unha partida de preto de 56.000 euros para o acondicionamento parcial da Casa Consistorial. Este consistirá no nivelamento do chan do salón de plenos, na reposición do tellado e no pintado exterior do edificio.