subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Fomento retoma as obras da saída sur da AP-9 en Sigüeiro, que se atopan ao 86% da súa execución e levaban 14 meses paralizadas.


O alcalde Manuel Mirás amósase “moi satisfeito por que as xestións realizadas nos últimos meses dean o seu froito” e, “aínda que non nos deron unha data final, agardamos que estean rematadas nun mes”.

orosoO Ministerio de Fomento vén de retomar as obras de construción da saída sur da AP-9 en Sigüeiro, iniciadas a principios de 2015 e paralizadas dende outubro de 2015. As obras retomáronse durante a pasada semana e, en apenas uns días, xa se ergueron dous dos piares sobre os que se situará a ponte sobre a N-550, infraestrutura fundamental para a saída en Sigüeiro dos vehículos procedentes de Santiago de Compostela e cuxa construción motivou a paralización dos traballos.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosa a súa satisfacción por que “as xestións realizadas en decembro e xaneiro con técnicos e responsables políticos finalmente desen o seu froito, xa que era unha situación que nos preocupaba a todos porque levabamos demasiado tempo coas obras paralizadas, coas molestias que tiñan que sufrir tanto os veciños da zona como os vehículos que circulan cada día pola N-550”.

Contestación do Ministerio

Así, o Ministerio de Fomento respondeu á carta remitida polo alcalde orosán o pasado 22 de decembro na que rogaba encarecidamente ao ministro, Íñigo de la Serna, que dese “as ordes oportunas para acabar as obras, que coa súa parálise están ocasionando prexuízos aos usuarios da propia AP-9, aos que circulan pola N-550 e tamén aos veciños e veciñas de Oroso, en especial aos que teñen as súas casas afectadas polas obras”. Mirás lembráballe ao ministro que “despois de máis dun ano sen noticias fidedignas sobre a paralización destas obras, creo que agora que temos un Goberno estable e con todas as competencias, non vexo problemas para que non se terminen as obras canto antes, sobre todo porque é moi pouco o que falta e se poña en marcha o enlace sur da AP-9 para aliviar o tráfico pesado polo centro urbano de Sigüeiro, por onde circulan máis de 20.000 vehículos diariamente, en gran parte tráfico pesado”.

Na carta de resposta, o secretario de Estado de Infraestructuras, transporte y Vivienda, Julio Gómez-Pomar Rodríguez, indica que “me complace informarle de que actualmente las obras de remodelación de este enlace, ejecutadas por la concesionaria de la autopista AP-9 AUDASA, presentan un grado de avance del 86%” e indicaba que “en el ejercicio de nuestras atribuciones de inspección del contrato de concesión hemos instado a la concesionaria de la AP-9 a agilizar al máximo las obras, cuya finalización está prevista para este año 2017”.

“Non quero dar unha data final porque tampouco a sei”, explica Manuel Mirás, “pero se agora sabemos que só falta por executar o 14% da obra e vendo o ritmo dos traballos nos últimos días, espero que, se non se volve a parar, a obra poida estar finalizada no prazo dun mes”. Neste sentido, Julio Gómez-Pomar Rodríguez puntualiza que “el Ministerio de Fomento, como titular de la autopista AP-9, es el principal interesado en que las obras se pongan en servicio en el plazo más breve posible”.

O alcalde orosán amosa a súa satisfacción polo desbloqueo dunha situación “que non tiña razón de ser e que era bastante vergoñenta”. As obras do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro foron plantexadas por primeira vez polo alcalde orosán no ano 2002, sendo daquela ministro de Fomento Rafael Arias Salgado. Nove anos despois, o 18 de novembro de 2011, o Consello de Ministros presidido por Rodríguez Zapatero aprobada un real decreto para a ampliación da capacidade de diversos tramos da AP-9, que incluía unha addenda na que figuraba o enlace sur da AP-9 ao seu paso por Sigüeiro. O 27 de febreiro de 2015 o Ministerio de Fomento anunciaba o inicio das obras, que comezaron materialmente o 10 de marzo e quedaron definitivamente paralizadas o 19 de outubro dese mesmo ano.

Dende entón, o Ministerio de Fomento ten lanzado distintas datas para a finalización dos traballos. Así, o 21 de outubro de 2015 a ministra de Fomento, Ana Pastor, comprometíase publicamente a que as obras estarían rematadas a finais de novembro de 2015. En xuño de 2016 reanúdanse as obras durante tres días e volven paralizarse sen explicación algunha. Un mes despois, Fomento xustifica que a súa finalización está condicionada por trámites administrativos que o Ministerio de Fomento está solicitando que axilice Audasa e que a obra podería finalizar no segundo semestre de 2016.

O 11 de agosto de 2016, o BOE publicaba un anuncio de licitación da Dirección Xeral de Estradas para contratar os servizos de inspección e control das obras de ampliación de capacidade da AP-) nos tramos Santiago Norte-Santiago Sur e no enlace de Cangas-Enlace de Teis. Unha licitación que imposibilitou o reinicio dos traballos en Oroso, xa que o prazo de presentación de ofertas pechouse o 21 de novembro de 2016 e a apertura das ofertas tivo lugar o pasado 23 de xaneiro de 2017.