subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso convoca as subvencións ás actividades de asociacións e colectivos sen ánimo de lucro do municipio.


O prazo de solicitude estará aberto ata o 12 de agosto.

O Concello de Oroso vén de convocar as axudas a entidades cidadáns de 2017, dirixidas a entidades de participación cidadá, asociacións educativas, clubs e escolas deportivas, entidades de asistencia social e voluntarios de Protección Civil que desenvolvan as súas actividades no municipio de Oroso, así como a Fundación Amigos de Galicia, que se encarga da distribución e entrega de alimentas a familias necesitadas. Unha convocatoria que publica hoxe o BOP e cuxas achegas poderán solicitarse no Rexistro Xeral do Concello de Oroso ata o vindeiro 12 de agosto.

Ademais da mencionada axuda á Fundación Amigos de Galicia na área de asistencia social, serán subvencionables outras catro áreas: ensino (actividades organizadas por escolas e centros educativos), participación cidadá (actividades das asociacións relacionadas coa mellora da calidade de vida dos cidadáns, actividades culturais...), deportes (organización de actos e actividades deportivas ou de promoción do deporte) e as actividades realizadas pola asociación local de Protección Civil. Non serán subvencionables os gastos correntes tales como teléfono, alugueres, limpeza, mantemento, material de oficina, impostos e gastos festivos tales como comidas ou banquetes.

Requisitos

Para poder optar a estas axudas, é requisito indispensable estar inscrito no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Oroso así como carecer de fins de lucro, desenvolver a actividade no termo municipal de Oroso, non ter pendentes débedas/sancións/xustificacións co Concello e non estar incurso en ningún dos casos previsos no artigo 13.2 da Lei Xeral de Subvencións.

A entidade deberá presentar antes do 12 de agosto a solicitude debidamente cumprimentada, o certificado de estar no Rexistro Municipal de Asociación, o programa detallado da actividade ou servizo para o que pide a subvención (cun orzamento total e desglosado por partidas), entre outros documentos. O Concello de Oroso valorará especialmente o interese das actividades propostas e a representatividade da asociación no municipio (número de membros) con ata 20 puntos en cada caso.

No ano 2016, o Concello de Oroso concedeu un total de 75.875 euros en axudas a 28 entidades de participación cidadá, asociacións educativas, clubs e escolas deportivas, entidades de asistencia social e voluntarios de Protección Civil que desempeñaron a súa actividade no termo municipal orosán. Unhas achegas que se incrementaron un 42,89% nos tres últimos anos, pasando dos 53.100 euros de 2013 aos 75.875 euros de 2016.