subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso saca a licitación a xestión do punto de reciclaxe “Oroso Verde” ata o ano 2020 e por máis de 252.000 euros.


Estará aberto un mínimo de 24 horas semanais, nun horario de luns a venres fixado pola Alcaldía en función da demanda dos veciños/as.

orosoO Concello de Oroso vén de sacar a licitación a xestión do punto de reciclaxe “Oroso Verde”, construído pola administración local nunha parcela de 2.200 m2 na rúa de Trazo (polígono industrial Oroso Pequeno) e que supuxo un investimento de 101.049 euros. Unha licitación por un período de 3 anos, prorrogables por un ano máis, e cun valor estimado de 252.046,47 euros que suporá “un paso moi importante para conseguir que Oroso sexa un municipio cada vez máis limpo e sostible ambientalmente”, apunta Manuel Mirás, alcalde do municipio.

Mirás Franqueira explica que “as instalacións xa están completadas, despois de que durante as pasadas semanas Unión Fenosa procedera a instalar a conexión eléctrica pendente”, tal e como puideron comprobar o propio alcalde e o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, durante unha recente visita ás instalacións. Neste sentido, compre lembrar que as instalacións estiveron paralizadas durante varios meses debido a que a eléctrica entablou un contencioso co Concello de Oroso no que pretendía cobrar máis de 19.000 euros pola acometida eléctrica, cando ao estar nunha zona urbana ao Concello só lle correspondía aboar algo máis de 300 euros.

Posta en marcha

As empresas interesadas en optar ao contrato teñen ata o 26 de xullo para presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello. Unha vez adxudicado o contrato, a empresa disporá de 35 días naturais para poñer en marcha o punto de reciclaxe “Oroso Verde”, que estará aberto ao público un mínimo de 24 horas semanais, de luns a venres. “Os horarios de apertura diarios serán dispostos dende esta Alcaldía en cada momento para satisfacer ao máximo a demanda dos veciños e veciñas de Oroso”, explica Manuel Mirás, quen apunta que “no caso de que fose preciso cambiar o horario nalgún momento, poderemos facelo simplemente comunicándollo ao contratista cunha semana de adianto”.

O punto de reciclaxe “Oroso Verde” está emprazado nunha parcela de 2.200 m2 na rúa de Trazo, no polígono empresarial Oroso Pequeno, onde ocupa unha superficie de 952,58 m2. Está construído de xeito modular, de xeito que permitiría futuras ampliacións no caso de que fosen precisas. Nel poderán depositarse diversos residuos para a súa clasificación, separación e posterior reciclaxe: pilas, disolventes, electrodomésticos, aerosois, baterías, produtos de informática… que se depositarán nos contedores dispostos nas instalacións: papel e cartón, vidro, envases e téxtil. O Concello de Oroso habilitou tamén un lugar especial para a recollida de plásticos agrícolas e entullos de obra, de uso exclusivo para particulares.

O Concello de Oroso tomou a decisión de acometer en solitario a construción do punto de reciclaxe “Oroso Verde” para poder así prestar estes servizos aos seus veciños e veciñas nas mellores condicións posibles. Un servizo que leva anos prestando de xeito provisional e sen ningún tipo de axuda procedente doutras Administracións nunha parcela habilitada polo propio Concello a carón do parque do Río Carboeiro. Un lugar no que os veciños poden depositar residuos metálicos (electrodomésticos, chatarra, residuos metálicos do fogar...) e asimilables (madeira, plásticos, colchóns e somieres, así como escombros de obras menores particulares) todos os venres (de 12:30 a 14:00 horas) e sábados (de 12:00 a 13:30 horas). A maiores, o Concello de Oroso ofrece tamén a recollida de aparellos domésticos os primeiros sábados de cada mes.