subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abrirá una investigación sobre un caso de suplantación de identidade nunha alegación presentada á modificación de créditos 14/2017.


A alegación foi presentada esta mañá no Rexistro Xeral da Xunta en Santiago utilizando os datos persoais dunha concelleira do municipio ourensán de Vilamartín de Valdeorras.

O Concello de Oroso vai abrir unha investigación ante un caso flagrante de suplantación de identidade nunha alegación presentada esta mesma mañá contra a modificación de créditos 14/2017, aprobada polo Pleno Municipal o pasado 18 de agosto e que hoxe mesmo foi publicada no BOP. A alegación, presentada ás 10:54 horas de hoxe no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, utiliza o nome, apelidos e DNI dunha concelleira socialista do municipio ourensán de Vilamartín de Valdeorras.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, explica: “sorprendeunos o feito de que a alegación fose presentada por unha concelleira de Ourense e tamén que fose dun perfil tan baixo, polo que nos puxemos en contacto con ela e nos confirmou que ela non interpuxera alegación algunha pero que os datos recollidos no documento efectivamente son os seus”. O alcalde orosán considera que “estamos ante un caso flagrante de suplantación de identidade no que, independentemente das accións que poida tomar a persoa suplantada, dende o Concello de Oroso imos abrir unha investigación para ver de dar coa ou cos responsables”.

Mirás Franqueira indica que “é evidente que o único que se busca neste caso é entorpecer o normal funcionamento do Concello de Oroso e atrasar no posible a compra dun novo brazo para a roza para o noso tractor, o que claramente prexudica á nosa veciñanza”. Ademais, o feito de que a alegación fose presentada en Santiago e non en Oroso fai sospeitar que a persoa que o fixo sexa residente no municipio orosán e quixo así evitar ser identificada.

Por iso, o primeiro que fará o Concello de Oroso será solicitar que un perito calígrafo examine a sinatura contida na alegación presentada. Non é a primeira vez que se produce un caso semellante no municipio. Hai un par de meses o propio alcalde tivo que denunciar ante Facebook a suplantación da súa identidade por parte dun perfil desta rede social que empregaba o nome de Manuel Mirás Franqueira e utilizaba as súas fotos de perfil e mesmo as familiares para facerse pasar polo alcalde orosán e criticar as actuacións levadas a cabo polo Concello.