subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, visitou Oroso e comprometeuse a impulsar varias obras que mellorarán o tráfico no municipio.


orosoO delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, visitou o Concello de Oroso e comprometeuse diante do alcalde, Manuel Mirás, a impulsar varias obras e infraestruturas que aliviarán o tráfico no municipio.

“Por petición do alcalde, Manuel Mirás, estou aquí para ver en primeira persoa diferentes modificacións e cambios nas vías de comunicación do concello, como a nova glorieta que haberá na praza da Foca para mellorar a seguridade e a mobilidade”, manifestou Losada.
Losada e o alcalde estiveron na praza da Foca observando a zona na que se fará a glorieta, “cun orzamento de 140.000 euros; falarei coa Dirección xeral de Estradas para a licitación e a ser posible as obras serán no 2019”, engadiu o delegado do Goberno.
Coa nova glorieta, “evitaremos os atascos que se producen na N-550 ao seu paso por Sigüeiro polos vehículos que van dirección Santiago, dirección A Coruña, os que se incorporan pola avenida da Grabanxa e os que o fan pola rúa do Portiño”, apuntou Manuel Mirás.

Na visita falouse tamén de que finalmente non se fará a estrada alternativa á N-550 desde Ordes Sur a Marantes. “Escoitamos os veciños e ademais non queremos perxudicar aos negocios comerciales ubicados na N-550”, explicou o alcalde de Oroso.
Javier Losada atendeu a demanda de Mirás e a solución alternativa que propón o alcalde, que consistirá nunha nova circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla.

Ambos estiveron tamén durante a mañá na rotonda desde a que partirá a infraestrutura, que evitará os atascos para os que se dirixan ao aeroporto desde o norte da provincia. Losada comprometeuse a analizar e a impulsar o proxecto plantexado polo alcalde de Oroso, aínda que os traballos non comezarán tan a curto prazo como os da glorieta da Foca xa que son necesarios diferentes trámites, como o estudo de impacto ambiental.
O delegado do goberno engadiu que continuarán os traballos para consolidar os piares da ponte de Sigüeiro e a visita transcurriu nun ambiente de gran cordialidade. Javier Losada visitou o casa consistorial e asinou no libro de honra do Concello .