subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O goberno de Oroso leva a pleno as novas responsabilidades dos seus concelleiros e concelleiras para dar o mellor servizo aos veciños do Concello


orosoO novo goberno do Concello de Oroso levou hoxe ao pleno as responsabilidades que terá cada concelleiro ou concelleira neste mandato, coas dedicacións e os salarios correspondentes. As propostas foron aprobadas.

“Despois de varias reunións coa concelleira do BNG, levamos á sesión plenaria a distribución de concellarías, planificada co único obxectivo de manter e mellorar os servizos que presta o concello”, afirma Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

“Necesitamos unha forte dedicación por parte dos nosos concelleiros e concelleiras, xa que continúan as limitacións impostas polo Goberno central durante a crise económica, o que complica as posibilidades de contratación de persoal laboral por parte dos concellos”, sostén.

Ademáis da alcaldía, Manuel Mirás exercerá as responsabilidades nas áreas de Economía e Facenda, Seguridade Cidadá, Tráfico e Protección Civil; Isabel Fernández, concelleira do BNG, asumirá a concellaría de Mulleres, Ensino e Benestar Social; Luis Rey Villaverde será concelleiro de Urbanismo, Obras, Servizos e Medio Ambiente; Vanesa Boo, de Cultura, Comercio, Industria e Actividades Lúdicas; Antonio Leira, de Deportes, Promoción Económica, Emprego, Camiño de Santiago e Comunicación; Beatriz Rodeiro, de Réxime Interior, Persoal, Patrimonio, Voluntariado, Xuventude, Mobilidade e Sanidade; e Javier Grela, de Relacións Veciñais, Medio Rural, Parroquias e Xardíns.

Unha das prioridades do goberno local será a de manter unhas contas municipais saneadas e con superávit, polo que os salarios dos concelleiros e concelleiras están fixados para dar cumprimento a ese obxectivo.

Haberá dúas dedicacións exclusivas, as de Vanesa Boo e Isabel Fernández (que cobrarán 23.500 euros brutos ao ano) e tres dedicacións parciais: Luis Rey (22.000 euros brutos ao ano), Beatriz Rodeiro (17.600 euros brutos) e Javier Grela (14.000 euros brutos). O alcalde manterá o salario do último mandato (34.600 euros brutos). Antonio Leira non terá unha asignación económica do concello, só recibirá as dietas correspondientes por asistencia aos órganos municipais colexiados.

“Facemos públicos os salarios dos concelleiros porque queremos unha transparencia plena na xestión municipal, que os veciños e veciñas de Oroso estén informados desta e outras cuestións, temos que render contas ante a xente”, explica Mirás.

Vanesa Boo será 1ª teniente alcalde de Oroso, Antonio Leira 2º teniente alcalde; Isabel Fernández terceira e Luis Rey cuarto. “Temos un goberno moi preparado e con moita ilusión, que traballará cada día para mellorar a calidade de vida dos orosáns”, remata Manuel Mirás.