O Concello de Oroso pecha o ano 2019 con superavit e un remanente de tesourería de 849.128,48 euros, resultado da xestión responsable do grupo de goberno
“Temos un concello saneado e con fortaleza económica, a próxima semana daremos a coñecer os orzamentos do 2020”, asegura o alcalde, Manuel Mirás
“Quero facer unha vez máis un chamamento para que o goberno cambie dunha vez a lexislación e os concellos poidan invertir os fondos dos remanentes en beneficio da veciñanza”
O Concello de Oroso pechou o ano 2019 con superávit e un remanente de tesourería de 849.128,48 euros, unha situación que reflicte a boa xestión económica municipal.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destaca que “os datos amosan a fortaleza económica das arcas municipais e a xestión responsable por parte do noso grupo de goberno”.
“A próxima semana daremos a coñecer os orzamentos para o ano 2020, non o fixemos antes porque estabamos á espera de ver se o goberno central cambiaba a regra de gasto, xa que é inasumible que non poidamos investir os aforros que ano a ano acumulamos”, apunta Mirás, que lamenta que “os veciños non poidan disfrutar de melloras que poderiamos executar con eses fondos, que están inactivos nas entidades financeiras”.
“Quero facer unha vez máis un chamamento para que o goberno cambie dunha vez a lexislación e os concellos poidan invertir os fondos dos remanentes en beneficio da veciñanza”, engade o alcalde de Oroso.
A pesares desta situación, Mirás incide en que “temos un concello saneado e económicamente sostible, non gastamos o que non debemos e facemos unha xestión muy estudada dos recursos públicos cos que contamos, todo elo ademais cunha presión fiscal baixa”.
“Por este motivo –remata o alcalde- non son entendibles as críticas do PP, tratando de confundir á cidadanía con mentiras fora de lugar sobre a xestión económica do concello; os resultados están aí e son irrefutables”.