subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba novas medidas para reforzar os servizos sociais durante a pandemia e poñer en marcha programas de conciliación familiar


orosoO Concello de Oroso aprobou hoxe, nunha reunión coa presenza de todos os portavoces dos grupos municipais, novas medidas de axuda á veciñanza durante a pandemia da coronavirus.

A reunión desenvolveuse nun clima de consenso e coordialidade entre os portavoces municipais, con acordo en todos os puntos tratados. Desde o comezo da crise sanitaria, o concello leva investidos 73.400 euros en material de protección e limpeza para o comercio e a cidadanía en xeral.

O concello destinou ademais 44.000 euros a Servizos Sociais, un departamento que reforzará coa contratación dun novo administrativo durante o tempo que dure a pandemia. Haberá tamén unha ampliación da subvención a Protección Civil para o desenvolvemento de diferentes tarefas de axuda.

Por outra parte, Oroso implantará un programa de conciliación familiar gratuíto para aqueles fogares nos que o pai e a nai deban incorporarse presencialmente ao seu posto de traballo e non poidan coidar dos seus fillos.

Con respecto ás medidas económicas e fiscais, o Concello de Oroso estudará exencións nas taxas de lixo, auga e IBI para os sectores máis afectados pola crise sanitaria.

Haberá ademais unha campaña de promoción do comercio e a hostalería local. A finais de verán, analizarase a posibilidade de recuperar algúns dos eventos cancelados e hai otras iniciativas en estudo, como unha plataforma de promoción para os establecementos de Oroso.

Por último, o concello destinará os 150.000 euros do plan adicional do POS da Deputación a gasto corrente. “É a primeira vez que Oroso destinará unha partida do plan único a gasto corrente, pero somos conscientes das necesidades derivadas da pandemia e consideramos axeitado facelo”, explica Mirás.

Os grupos municipais piden á Xunta e o Goberno máis claridade coas fases da desescalada para concretar as diferentes medidas e iniciativas.