subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso aproba unha partida extraordinaria para reforzar a limpeza dos centros educativos e lamenta "o abandono por parte da Xunta"


orosoO Concello de Oroso celebra hoxe unha xunta de goberno local para a aprobación dunha partida orzamentaria destinada a reforzar a limpeza e desinfección dos centros educativos.

En concreto, será unha partida de 14.731,31 euros para a ampliación da limpeza no CEIP de Sigüeiro e Camiño Ingles, así como nas escolas unitarias CRA de Estación, Trasmonte, Deixebre, Senra e Vilarromaris.

“Un exemplo máis do abandono da Xunta de Galicia, que todos os días dí unha cousa pero despois mira para outro lado, somos os concellos os que tomamos todas as medidas desde o comezo da pandemia”, lamenta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

“É chamativo oír á Xunta pedir os fondos do goberno español, pero a realidade é que despois aos concellos non chega nada, nin un só euro; comeza o curso escolar sen unha soa medida desde a Xunta, somos os concellos e os reponsables dos centros os únicos que facemos algo”, asevera Mirás.

“O mesmo pasou desde marzo coa atención aos colectivos máis vulnerables, o reparto de máscaras entre os traballadores de servizos esenciais ou a desinfección dos espazos públicos e o centro de saúde; todo o gasto saiu das arcas municipais”, engade o alcalde.

Para dar resposta ás demandas veciñais neste comezo do curso, o Concello de Oroso reforzará a limpeza nos centros e coordinará outras medidas coas forzas de seguridade e a comunidade educativa, co obxectivo de que as clases comecen con normalidade.