subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lamenta que o PP considere "partidistas" as súas demandas para mellorar a vida da veciñanza, "deixando clara unha vez máis a súa visión política"


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, mostrouse hoxe “sorprendido” polas críticas do PP local, que considera “partidistas” as súas demandas desde o concello por temas como o uso dos remanentes municipais ou a limpeza dos colexios.

“Supoño que o que lle pasa ao señor Doval é que está acostumado a unha forma de facer política partidista e sen preocuparse dos veciños e veciñas”, afirma Mirás, que lembra que a demanda desde o concello para facer uso dos remanentes municipais “facémola porque as contas do concello están saneadas por unha boa xestión, e o que queremos é mellorar a vida da veciñanza cos nosos propios aforros”.

Con respecto á desinfección e limpeza dos centros escolares, Mirás lembra que a pandemia do coronavirus obrigará ao concello este ano a asumir un gasto extraordinario de 50.000 euros, “que deberían ser asumidos pola Xunta, xa que recibe fondos do Goberno central e aos concellos non chega nin un euro”

“Pode consultar o PP o informe encargado hai uns días pola Deputación da Coruña á súa asesoría xurídica, que conclúe que a desinfección dos centros educativos públicos de titularidade autonómica para cumprir os protocolos de prevención da Covid-19 é competencia da Xunta”, afirma.

“Como alcalde de Oroso, utilizo as redes sociais ou a web do concello para comunicar aos veciños as medidas que tomamos para mellorar a súa vida, nin máis nin menos”, engade Manuel Mirás, que solicita ao señor Doval “que traballe polo ben común e se una á demanda á Xunta para que cumpra as súas competencias”.