subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso defende que a vía férrea entre Amio e Ordes se converta en Vía Verde.


O Concello remitiulle unha carta á Fundación de Ferrocarriles Españoles na que considera que a utilización desta vía como servizo de proximidades “non é viable”.

O Concello de Oroso considera que o camiño de ferro en desuso que une Amio (Santiago) e Pontraga (Ordes) debe converterse en Vía Verde para uso e desfrute de viandantes e ser potenciada como unha alternativa turística máis de Santiago, Oroso e Ordes. Así llo acaba de confirmar por carta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, á Fundación de Ferrocarriles Españoles, vinculada ao Ministerio de Fomento, á vista da intención da Consellería de Medio Ambiente de desmarcarse do estudo para crear Vías Verdes nos tramos en desuso do eixo atlántico.

Mirás Franqueira lembra que “o tramo desta antiga vía férrea non pasa por ningunha localidade importante como para poñer un servizo de proximidades ferroviario”. Así, en Oroso a liña pasa a 2,5 quilómetros da capital municipal, Sigüeiro, e mesmo durante un traxecto incluso coincide coa nova liña de alta velocidade. Unha situación similar acontece en Ordes, mentres que en Santiago os núcleos máis importantes polos que discorre esta vía (Sionlla e Berdía) teñen tamén unha escasa entidade de poboación.

Ademais, o alcalde orosán considera que “pretender recuperar este tramo para unha nova vía férrea non é viable” e lembra que “o tramo desta liña férrea está na actualidade levantado, é dicir, o ADIF levantou os raís e as travesas, polo que non ten nestes momentos ningunha posibilidade de ser usado de novo como vía férrea”.

Por iso, o Concello de Oroso entende que a liña en desuso Amio-Ordes só tería utilidade como Vía Verde e insta a todas as partes a actuar nesta liña o antes posible. O Concello de Oroso leva traballando dende 2004 neste proxecto e mesmo ten un acordo co ADIF para recibir estes terreos, que só está pendente da súa ratificación no pleno municipal. Manuel Mirás asegura que “o Concello de Oroso non cesará ata conseguir que esta liña se converta en vía verde pois supón unha boa opción medioambiental, turística e sostible”.