Rematadas as obras da segunda fase da Alameda de Góis, orzamentadas en 101.000 euros.
O Concello de Oroso busca financiamento para acometer unha terceira fase, que incluiría a instalación dunha fonte e un parque infantil.
Os veciños e veciñas de Oroso xa poden desfrutar dun novo espazo de ocio no centro mesmo de Sigüeiro, toda vez que hoxe remataron as obras da segunda fase da Alameda de Góis, orzamentadas en 101.925 euros e que foron acometidas pola empresa Jstop Obras y Servicios SL. As obras consistiron no acondicionamento da Alameda de Góis, que ocupa unha parcela triangular xunto ao paseo do río Carboeiro, o centro urbano de Sigüeiro e a N-550.
A intención do Concello de Oroso é que este novo espazo público poida ser utilizado como parque, como praza para acoller eventos e tamén como espazo de recreo para os veciños e veciñas do municipio. Por iso, o grande espazo central da Alameda de Góis leva un pavimento en pedra natural, rodeado por uns parterres adaptados á topografía do lugar.
Terceira fase
Ademais, as obras incluíron tanto a dotación de alumeado público a toda a alameda como a construción das canalizacións para a recollida de augas pluviais e para o abastecemento de auga potable. E é que o Concello de Oroso xa ten postas as miras nunha terceira fase das obras, “e a nosa idea é construír aló unha fonte nun futuro próximo”, adianta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.
Mirás Franqueira apunta que “estamos buscando máis financiamento para poder acometer o vindeiro ano unha terceira fase da alameda de Góis, que incluiría a instalación dunha fonte, a plantación de árbores e dotar á zona dun pequeno parque infantil e mobiliario urbano”.
As obras da segunda fase da Alameda de Góis foron financiadas en gran parte grazas a unha subvención de 100.000 euros da Deputación Provincial da Coruña. Uns traballos que deron continuidade aos realizados en 2009 polo obradoiro de emprego “Paseo Fluvial Rego Carboeiro Fase II”, un proxecto orzamentado en máis de 1,1 millóns de euros e que permitiu a recuperación ambiental de 30.000 metros cadrados situados na marxe dereita do río Carboeiro. Unha vez rematadas as obras da segunda fase da Alameda de Góis, os veciños e veciñas de Sigüeiro poderán desfrutar de máis de 60.000 metros cadrados dunha superficie verde e de lecer situada no mesmo centro da capital municipal.