subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso inicia a segunda fase das beirarrúas que unirán Sigüeiro coa gardería municipal da Ulloa e que estarán rematadas en marzo.


Os traballos incluirán a instalación dunha recollida de pluviais que evitarán que escorreguen ata a rúa do Xuncal.

orosoO Concello de Oroso vén de iniciar a segunda fase das obras de construción das beirarrúas que unirán Sigüeiro coa gardería municipal da Ulloa, seguindo a marxe dereita da Avenida de Compostela (N-550). Uns traballos cuxa financiación está incluída na modificación do proxecto de acondicionamento da intersección da N-550, aprobada polo pleno municipal o pasado mes de setembro.

O concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, agarda que os traballos poidan estar rematados o vindeiro mes de marzo, tal e como estaba previsto inicialmente. Así, durante estes últimos dous días, operarios da empresa adxudicataria das obras procederon a realizar os primeiros movementos de terras previos á realización das obras, que incluirán a construción dun muro a carón dun talud cercano á rotonda da N-550 e que proporcionará maior seguridade aos peóns.

Evitar inundacións

Ademais da construción das beirarrúas, a obra inclúe tamén a instalación dun sistema de recollida de augas pluviais “que evitarán que poidan escorregar pola pendente ata a zona urbana, como acontece agora coa rúa do Xuncal cando se rexistran fortes precipitacións”, indica Eduardo Veiras. As melloras na zona tamén incluirán o retranqueo dos postes de alumeado público e unha mellora da sinalización viaria.

Durante a realización dos traballos, a zona estará convintemente sinalizada e vixiada para a circulación dos vehículos, ante o pequeno estreitamento da calzada que se produce cando hai maquinaria pesada traballando. Un estreitamento que, en todo caso, non está a producir ningún tipo de retencións de tráfico.

Unha vez rematada esta segunda e última fase das obras de reurbanización da marxe dereita da Avenida de Compostela, estas beirarrúas mellorarán a seguridade viaria daqueles pais e nais de Sigüeiro Os veciños e veciñas de Sigüeiro xa disfrutan dende a semana pasada da primeira fase de beirarrúas, que incluíu tamén a colocación de distinto mobiliario urbano (bancos e papeleiras), así como unha ampliación da zona reservada para a parada do transporte metropolitano, que en próximas datas disporá dunha nova marquesiña.

As obras executáronse en dúas fases: unha primeira no casco urbán (financiadas con 95.466 euros aportados pola Deputación Provincial da Coruña.) e unha segunda ata a rotonda (subvencionadas con cargo ao proxecto de construción da devandita rotonda).