subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso habilita un segundo carril para axilizar a circulación no entronque da Avenida da Grabanxa coa N-550.


As obras de reurbanización están incluídas no Plan Complementario do 2011 da Deputación e suporán un investimento de 46.000 euros.

orosoO Concello de Oroso vén de habilitar un segundo carril de circulación de vehículos na intersección entre a avenida da Grabanxa coa avenida de Compostela (N-550), á altura da Praza da Foca (Sigüeiro). Unhas obras incluídas no Plan Complementario de 2011 da Deputación Provincial da Coruña e que supuxeron un investimento de algo máis de 46.000 euros.

Con estes traballos, o Concello de Oroso axilizará a circulación de vehículos nesta intersección coa N-550, onde os condutores teñen a posibilidade de xirar cara Santiago (regulado por un semáforo) ou cara A Coruña (regulado por un Stop). “Así conseguiremos diversificar os tráficos neste punto, de xeito que non se formen as colas que hai na actualidade diante do semáforo nas horas punta, xa que moitos dos vehículos poderán xirar cara A Coruña, o que axilizará a circulación neste punto de Sigüeiro”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Sinalización horizontal

Os traballos desenvolvéronse ao longo da pasada semana e permitiron ensanchar en algo máis de metro e medio a calzada, xusto no entorno da Praza da Foca. Esta mesma mañá procedeuse ao repintado da sinalización horizontal, de xeito que ambos carrís xa estarán dispoñibles dende hoxe, mentres os operarios continuarán con pequenas obras de reurbanización no entorno que rematarán nos vindeiros días.

A entrada en servizo deste novo vial é de especial importancia nestes días nos que o tráfico procedente dos polígonos empresariais de Sigüeiro e Oroso Pequeno está sendo desviado pola avenida da Grabanxa, debido ás obras de urbanización no vial de acceso aos polígonos e á parcela onde se ubicará o futuro CEIP de Oroso. Ademais, a avenida da Grabanxa é unha das vías que rexistra unha maior circulación no municipio, pois recolle o tráfico non só de Sigüeiro senón tamén de urbanizacións moi poboadas como Porto Avieira e de parroquias como Gándara, Vilarromariz ou Senra.