subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inicia as obras de rehabilitación do local social de Pasarelos, nas que investirá preto de 40.000 euros.


Os traballos están incluídos no plan de rehabilitación, mellora e construción de locais sociais en todas as parroquias.

orosoO Concello de Oroso vén de iniciar as obras de rehabilitación do local social de Pasarelos, situado no inmoble da antiga escola unitaria. Uns traballos cos que o Goberno municipal de Oroso trata de ir así pechando o plan de rehabilitación, mellora e construción de locais culturais para desfrute da cidadanía por todas as parroquias.

Os traballos, que está a levar a cabo a brigada municipal de obras, consisten na colocación de fiestras e portas novas, no pintado do inmoble e renovación dos baños interiores. O Concello de Oroso inviste preto de 40.000 euros nestes traballos, que estarán rematados antes do vindeiro mes de maio.

Locais sociais nas parroquias

Estas obras forman parte dun plan deseñado polo Concello de Oroso para mellorar a situación dos distintos locais sociais das parroquias. Un plan que permitiu a construción de centros sociais e culturais en Cardama e Trasmonte, nos que se investiron máis de 138.000 e máis de 116.000 euros, respectivamente. Unhas cifras que os converten nos dous proxectos máis significativos ata o momento, orzamentariamente falando.

Así mesmo, o Concello de Oroso realizou tamén importantes obras de remodelación no local social de Deixebre (onde ademais de pintar o interior do inmoble e arranxar pequenos danos no local, investiu 50.000 euros nunha pista polideportiva anexa) ou nas escolas unitarias de Bran e do Cachopal, ambas na parroquia dos Ánxeles. Así mesmo, o Concello de Oroso traballa tamén na rehabilitación da reitoral de Marzoa, onde xa se reparou o tellado e se seguirán facendo traballos de melloras en vindeiras datas, e ten realizado distintos traballos de rehabilitación nos locais sociais das distintas parroquias.