subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso remata as obras de reurbanización da rúa do Portiño (Sigüeiro), que inclúen 168 metros de novas beirarrúas.


As obras incluíron o cambio do alumeado público, o soterramento do cabreado e a retirada dun poste situado no medio das beirarrúas.

orosoO Concello de Oroso vén de rematar a terceira e última fase das obras de reurbanización da Rúa do Portiño (Sigüeiro), nas que investiu 76.500 euros do plan de cooperación provincial 2012 da Deputación da Coruña. Unhas obras consistentes na construción de 168 metros de beirarrúas entre os números 9 e 23 da rúa do Portiño, así como a instalación do correspondente alumeado e o soterramento do cabreado na zona.

Uns traballos iniciados o pasado mes de maio e que se remataron un mes antes do inicialmente previsto, evitando así molestias innecesarias aos veciños e veciñas da zona. O concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, explica que “con esta última fase damos por rematada a reurbanización da rúa do Portiño” e adianta que “durante as próximas semanas faremos un repaso ás beirarrúas de Sigüeiro por se hai que facer algún pequeno arranxo”.

A terceira fase das obras de reurbanización da rúa do Portiño supuxeron a construción de 168 metros de novas beirarrúas, de 2,5 metros de ancho, coas súas correspondentes varandas. Para facelas foi preciso construír un muro de contención no primeiro tramo e retirar un poste de teléfonos, que estaba situado no medio do camiño. Agora, este cabreado vai soterrado.

Investimento de máis de 275.000 euros

En total, o Concello de Oroso leva investidos 276.500 euros na reurbanización da rúa do Portiño, unha das rúas principais de Sigüeiro. Unhas obras que o Concello de Oroso decidiu acometer en tres fases para axilizar o seu desenvolvemento, logo da presentación dunha alegación ante Augas de Galicia que finalmente resultou rexeitada por ser totalmente inxustificada pero cuxa tramitación impedía o inicio das obras.

Deses 276.500 euros, 200.000 proceden dun convenio asinado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, co anterior presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, en setembro de 2010. Diante da apertura do mencionado expediente en Augas de Galicia en decembro de 2010, o Concello decidiu desenvolver as obras en tres fases, comezando a primeira en novembro de 2011 e rematándose agora, xullo de 2013, a terceira e última.

Estes traballos supuxeron unha importante mellora na calidade de vida dos veciños e veciñas da Rúa do Portiño que, ademais de dispoñer de amplas beirarrúas, tamén contan cunha nova rede de pluviais e co soterramento da rede de electricidade, unha actuación que implicou tamén a instalación de novas luminarias.

Como obra singular, ampliouse a ponte que cruza o Rego Carboeiro cunha lousa de formigón armado en voladizo sobre o río. “Deste xeito, incrementamos a seguridade viaria na zona xa que esta ampliación facilitou non só o tránsito dos automóbiles, senón que reservou un espazo para os peóns que antes non tiñan”, explica Eduardo Veiras.