subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste 40.000 euros na mellora da zona axardinada da Alameda de Góis.


Mellóranse os accesos á zona cun enlosado en pedra e colocarase caucho na zona ocupada polos aparellos de ximnasia para os maiores.

orosoO Concello de Oroso vén de iniciar as obras de mellora da zona axardinada da Alameda de Góis (Sigüeiro), uns traballos orzamentados en preto de 40.000 euros. O concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, explica que as obras “buscan mellorar o acceso dos veciños a esta zona de ocio, especialmente cando chova, pois colocaremos un enlosado en pedra na contorna que funcionará como pequenas beirarrúas. E despois instalaremos un chan de caucho na zona que ocupan os aparellos de ximnasia para a terceira idade, pois é un chan moito máis axeitado que o xabre actual”.

Uns traballos que complementan as obras realizadas en xullo do ano pasado, nas que se mellorou o sistema de recollida de augas pluviais na zona. Daquela conseguiuse canalizar todas as augas pluviais, evitando que puideran chegar ata a Avenida de Compostela (N-550), e colocouse o bordillo sobre os parterres do parque, así como un firme de xabre con cemento que se manterá como está na actualidade. Os traballos rematarán nos próximos días.

A Alameda de Góis ocupa unha parcela triangular xunto ao paseo do río Carboeiro, o centro urbano de Sigüeiro e a Avenida de Compostela (N-550). Trátase dun espazo público multifuncional e para todas as idades, pois pode ser utilizado polos veciños como parque, dispón dun circuíto biosaudable con máquinas para os maiores e conta cun gran espazo central para acoller eventos como concertos, o tradicional mercadiño dos sábados ou a festa orosán por excelencia: a Festa da Troita.