subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste 20.000 euros na rehabilitación interior da antiga unitaria de Oroso, usada polos veciños como local social.


As actuacións centráronse na segunda planta do inmoble, onde se colocou un novo chan e novas fiestras, ampliouse o espazo dispoñible e se reforzou a estrutura.

orosoO Concello de Oroso vén de rematar as obras de rehabilitación interior da antiga escola unitaria da parroquia de Oroso, nas que investiu 20.000 euros. Uns traballos incluídos no plan de rehabilitación, mellora e construción de locais sociais e culturais en todas as parroquias que está a levar a cabo o Concello de Oroso, xa que este inmoble está a ser utilizado como local social polos veciños e veciñas da parroquia de Oroso.

O concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, explica que “os traballos concentráronse na segunda planta da antiga unitaria, onde puxemos fiestras novas, pintamos e colocamos un novo chan. Ademais, tiráronse tabiques para que os veciños dispoñan dun espazo máis amplo e reforzouse a estrutura”. Unhas melloras que se suman ao novo parque infantil que o Concello de Oroso construíu este verán canda o local social orosán. Un parque das mesmas características que os instalados a carón das unitarias de Deixebre, Senra e Trasmonte no ano 2010 e que conta con tobogán, bambán e balancín.

Outras actuacións

Ademais da rehabilitación interior da antiga unitaria de Oroso, o Concello orosán ten previsto continuar co seu plan de actuacións nos locais sociais das parroquias para mellorar as súas dotacións. “Queremos que os veciños e veciñas das distintas parroquias dispoñan duns locais dignos onde reunirse e facer actividades. Por iso imos seguir facendo pequenas actuacións de mellora nos locais, incrementando o seu mobiliario e dotacións”, sinala Eduardo Veiras.

O plan de rehabilitación, mellora e construción de locais culturais permitiu a apertura en xullo deste mesmo ano do Centro Cívico de Pasarelos, situado tamén no inmoble dunha antiga escola unitaria cuxa rehabilitación foi moi semellante á realizada agora en Oroso, só que incluíu a maiores o pintado exterior do inmoble e a renovación dos baños interiores. Un proxecto no que o Concello de Oroso investiu 40.000 euros, que se suman aos 138.000 e aos 116.000 euros investidos anteriormente na construción dos centros sociais e culturais de Cardama e de Trasmonte.

Así mesmo, o Concello de Oroso realizou tamén importantes obras de remodelación no local social de Deixebre (onde ademais de pintar o interior do inmoble e arranxar pequenos danos no local, investiu 50.000 euros nunha pista polideportiva anexa) e nas escolas unitarias de Bran e do Cachopal, ambas na parroquia dos Ánxeles. Ademais, o Concello de Oroso tamén realizou a rehabilitación da reitoral de Marzoa, onde xa se reparou o tellado e onde se seguirán facendo traballos de mellora; e ten realizado outros traballos de rehabilitación nos locais sociais das distintas parroquias, como os feitos o pasado mes de xuño no local social da Gándara.