subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Comezan as obras de reurbanización da rúa do Tambre (Sigüeiro), orzamentadas en 135.000 euros e que estarán rematadas en dous meses.


O proxecto recolle a ampliación das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas e a renovación das redes de alumeado e de augas pluviais.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, visitaron esta mañá as obras de reurbanización da rúa do Tambre (Sigüeiro), que comezaron a executarse este mércores e que están orzamentadas en 135.000 euros. Manuel Mirás explica que “as obras van a acometerse en dúas fases, para non ter que cortar o tráfico en toda a rúa e evitarlles molestias aos veciños e veciñas Sigüeiro”. Unhas obras que contan cun prazo máximo de execución de tres meses, pero que poderán estar listas en dous se as condicións meteorolóxicas o permiten.

Os traballos de reurbanización da rúa do Tambre inclúen a ampliación das beirarrúas, a renovación das redes de alumeado público soterrado e de augas pluviais, así como a eliminación das barreiras arquitectónicas. Unhas barreiras que son especialmente importantes nesta rúa, onde os accesos aos distintos garaxes provocan variados e perigosos desniveis que dificultan o tránsito a persoas con mobilidade reducida e incluso poden supoñer un risco de caídas para os peóns.

Humanización de rúas

“Este tipo de rúas en Sigüeiro, con desniveis e con barreiras arquitectónicas, foron un exemplo dos despropósitos e o desgoberno total do Partido Popular en Oroso”, sinala Mirás Franqueira, quen engade que “agora estamos traballando por humanizar o maior número de rúas. Comezamos polas rúas do Portiño e do Xuncal, que é o acceso principal ao centro da vila dende a N-550. Espero e confío en que para o ano poidamos incluír nos orzamentos municipais a humanización da rúa Lengüelle”.

O alcalde orosán sinala a importancia deste tipo de actuacións xa que “son fundamentais para incrementar a calidade de vida dos nosos veciños, que poderán camiñar por Sigüeiro sen atoparse con barreiras arquitectónicas de ningún tipo, e tamén supoñen unha axuda e un apoio para o noso comercio local”.

As obras de reurbanización da rúa do Tambre están orzamentadas en 135.000 euros, financiados polo Concello de Oroso e a Deputación Provincial da Coruña. Calcúlase que estean finalizadas antes de que remate o ano.