subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso instala parques biosaudables nas parroquias de Gándara, Marzoa, Os Ánxeles e Vilarromariz


Fóra unha das peticións realizadas pola veciñanza destas parroquias nos Encontros co Alcalde, que este sábado se trasladan ata a Gándara

orosoTal e como se comprometera o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, durante os “Encontros co alcalde” celebrados o pasado mes de febreiro cos veciños e veciñas de Vilarromariz e de Porto Avieira, o Concello de Oroso vén de instalar parques biosaudables en ambas parroquias, así como en Marzoa e Os Ánxeles, cuxa veciñanza tamén os demandara. Uns parques que están situados a carón do campo de fútbol de Vilarromariz, a carón do local social do Cachopal (Os Ánxeles), preto do cruceiro e da reitoral de Marzoa, así como na urbanización Porto Avieira (Gándara), a carón do parque infantil cuxa area tamén foi renovada polo Concello.

oroso O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, comprobaron a correcta instalación dos distintos elementos que compoñen cada un dos parques. Uns aparellos que serven para exercitar as diferentes articulacións do corpo e que están indicados para mellorar as funcións cardiovascular e respiratoria, fortalecer a musculatura, favorecer a flexibilidade e a axilidade e potenciar a coordinación xeral do corpo, especialmente dos nosos maiores.

Mirás explica que “instalamos estes parques biosaudables porque así nolo demandaron os veciños destas parroquias, agora toca que eles tiren proveito deles porque será moi beneficioso para a súa saúde tanto para a terceira idade como para todos os veciños en xeral”. Estes catro parques biosaudables únense aos tres instalados en Sigüeiro e que están emprazados no Paseo do Carboeiro, na Alameda de Góis e na Praza de Alexandre Bóveda

Encontro na Gándara

Por outra banda, o alcalde de Oroso volverá celebrar outro “Encontro co alcalde” este sábado 28 de marzo, ás 17:30 horas, cos veciños e veciñas da Gándara. O punto de encontro será o atrio da igrexa da Gándara. En caso de choiva, a reunión trasladaríase ao local social da parroquia.