As obras do novo campo de fútbol de Oroso estarán rematadas a principios de 2020 tras un investimento de 428.000 euros
As obras de construción do novo campo de fútbol de Oroso estarán rematadas a comezos do ano 2020, tras un investimento de 428.000 euros.
“Preto de 500 nenos e nenas xogan ao fútbol en Oroso; os responsables do clube Xuventude demandaron outro campo de, cando menos, 25 x 45 (fútbol 7) ao lado do campo Lino Balado, pero decidimos facer unhas instalacións moito máis grandes e mellores, respondendo con creces ás demandas deste clube e outros”, lembra o alcalde, Manuel Mirás.
Mirás e o concelleiro de Obras, Luis Rey, supervisaron os traballos do campo, nas antigas instalacións da Penela na parroquia de Oroso. “En realidade, as obras tiñan que estar rematadas a mediados de novembro, polo que a empresa encargada debe alixerar para cumprir os prazos e que polo menos o campo esté listo a comezos do 2020”, apunta Mirás.
Tras acondicionarse o terreo cunha base de zahorra, co obxectivo de dotar ao campo das pendentes adecuadas e asegurar a súa durabilidade, se instalará herba artificial de última xeración, unha nova rede de drenaxe e un sistema de rego automático.
As reformas no campo inclúen tamén a colocación de 20 proxectores LED, que permitirán dotar de iluminación á instalación, e novo equipamento deportivo, como porterías, banderíns e banquillos.
“Co novo campo lle atopamos unha saída á masificación do Lino Balado, xa que precisábamos doutra instalación onde dar resposta ás necesidades tanto das nosas escolas deportivas como doutros equipos do concello”, explica Luis Rey.
O edificio que había nas instalacións tamén está sendo reformado e terá dous vestiarios para o equipo local e o visitante, ambos accesibles e dotados dunha cabina de ducha adaptada, un vestiario para árbitros, unha zona de cafetería con aseos e dous almacéns.
O novo campo de futbol medirá 100 metros de largo e 50 de ancho, mentres que os mínimos que esixe a UEFA son de 90 x 45. O Concello de Oroso renova e mellora de forma continuada as instalacións deportivas municipais, onde practican deporte de forma habitual 1.400 persoas.