O Concello de Oroso renova a senda que une a Ponte de Sigüeiro con Porto Avieira
O Concello de Oroso continúa co seu plan para poñer en valor todos os espazos naturais do municipio, un dos seus principais atractivos.
Durante semanas, a brigada de obras municipal realizou tarefas de limpeza e desbroce na senda que vai desde a ponte de Sigüeiro ata a urbanización Porto Avieira, ao carón do campo de golf. Un camiño pola natureza á beira do río ideal para o paseo.
A senda pasa polo Refuxio de Sigüeiro e pola área de A Penateixa, dous dos enclaves naturais máis destacados do concello.
“Temos que potenciar e coidar o noso atractivo paisaxístico e natural, a senda necesitaba unha renovación e agora presenta un aspecto inmellorable a disposición de veciños e visitantes”, asegura o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.
Ademais desta actuación, a brigada de obras leva semanas facendo diversos traballos de limpeza e pintado do mobiliario urbano, tanto no casco urbano como nas parroquias.