O Concello de Oroso retoma as sesións da escola de pais e nais “Espazo de Familia” cunha charla sobre “Conciencia e alimentación”.
A iniciativa terá lugar o martes 27 de xaneiro, ás 16:15 horas, no local social do CRA Oroso.
Tras a paréntese do Nadal, o Concello de Oroso retoma as actividades da súa escola de pais e nais “Espazo de Familia”, unha iniciativa dirixida ás familias do alumnado do Centro Rural Agrupado (CRA) de Oroso e que se está a consolidar como un punto de encontro para que os pais e nais reflexionen e afonden de xeito colectivo naqueles temas que máis lles preocupan sobre a educación dos seus cativos. Así, a próxima reunión terá lugar o martes 27 de xaneiro, ás 16:15 horas, no local social do CRA de Oroso e terá como tema “Conciencia e alimentación”.
A charla será impartida por Ana Torres, naturópata do herbolario “A Casa Verde” (Sigüeiro), quen durante pouco máis de hora e cuarto falará aos asistentes sobre a importancia de que os rapaces e rapazas adquiran dende pequenos uns bos hábitos alimenticios e resolverá calquera dúbida que lle pregunten. A participación é totalmente libre e de balde para todos os veciños e veciñas que queiran asistir.
Este “Espazo de Familia” é unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso e subvencionada pola Deputación Provincial da Coruña que terá lugar os últimos martes de cada mes no local social do CRA de Oroso (na parroquia de Vilarromariz). Durante o seu primeiro curso, “Espazo de Familia” ofertou un total de seis sesións con temáticas moi variadas e de acordo coas peticións dos pais e nais participantes: dende como afrontar o primeiro día de clase ata como resolver os conflitos cos cativos. As sesións restablecéronse o pasado mes de outubro e agora, tras a paréntese das Festas do Nadal, retómase a actividade.