subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Máis de 600 persoas participan no Día das Persoas Maiores do Concello de Oroso.


O alcalde comprometeu un incremento dos servizos e emprazou á oposición a colaborar no labor a prol do benestar da cidadanía “en vez de enredar en asuntos que non resolven ningún problema”.

orosoMáis de 600 persoas participan na celebración do Día das Persoas Maiores, que o Concello de Oroso celebra no polideportivo municipal en Sigüeiro. O programa de actos comezou cunha liturxia eucarística, no propio pavillón, á que seguiu o xantar, cun menú de empanada, polbo á feira, carne ao caldeiro e doces.

Xusto antes do xantar, o alcalde de Oroso interviu para agradecer a participación dos veciños e veciñas na festa. Manuel Mirás anunciou que o Concello está traballando en colaboración coa Xunta para incrementar as prestacións que ofrece o departamento municipal de Servizos Sociais, en concreto o servizo de axuda a domicilio. Ademais, expuxo que se ampliará a programación de actividades físicas e culturais “en todas as parroquias nas que se rexistre unha demanda significativa”.

O rexedor remarcou a excelente acollida que está tendo o programa 'Martes Saudables', que consiste nunha serie de charlas e obradoiros sobre calidade de vida da terceira idade. Por iso, animou aos presentes a continuar acudindo “para aprender cousas novas e vivir mellor”. Mirás lembroulles tamén que tanto os locais sociais das parroquias como o local da terceira idade, situado na rúa do Campo en Sigüeiro, están á disposición de todos os maiores para toda utilidade que lles desexen dar.

Colaboración da oposición

Nun momento da intervención, o alcalde de Oroso referiuse tamén a cuestións de actualidade e emprazou aos integrantes da oposición a “colaborar no labor de mellorar a calidade de vida da cidadanía en vez de enredar con asuntos que non resolven ningún problema da xente”, como a “denuncia gratuíta a raíz dun simple erro material” nun trámite administrativo.

Neste sentido, Mirás aconselloulle á oposición a informarse antes se ten algunha dúbida porque “coa súa maneira de proceder, están deixando quedar mal sen necesidade a unha pequena empresa do municipio”. O alcalde emprazou tamén ao principal grupo da oposición a non perder o tempo en instancias xudiciais: “se queren colaborar, o que tería que ter feito é acudir á delegación da Consellería de Educación para que a Xunta instalase as ventás novas no colexio e que non seguise chovendo dentro, que é a obra pola que nos denunciaron”.

Manuel Mirás defendeu a absoluta honradez do executivo e considerou que os veciños “poden sentirse orgullosos deste alcalde e do equipo de goberno”, do que anticipou que “vai seguir traballando ano tras ano por moitos atrancos que algúns queiran poñer no camiño”, manifestou.