subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste máis de 10.000 euros en actuacións de mellora en todos os centros educativos do municipio.


Os traballos máis importante vanse acometer na escola unitaria de Vilacide, onde se acondicionará a planta superior do inmoble.

orosoCoincidindo coas vacacións escolares, o Concello de Oroso está a realizar distintas actuacións de mellora e mantemento en todos os centros educativos do municipio, ben directamente a través da súa brigada de obras, ben a través dos novos empregados incorporados temporalmente ao abeiro do programa de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. Unhas actuacións que supoñen un investimento superior aos 10.000 euros.

A concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, explica que “ata o momento a actuación máis importante foi no colexio de Oroso, onde pintamos as aulas e arranxamos a cociña. Se durante o curso arranxamos o tellado, agora rematamos definitivamente cos problemas de humidades no inmoble”. Unhas actuacións ás que se unen o pintado de aulas nas unitarias de Deixebre e Vilacide, así como pequenas operacións de mantemento (arranxo de billas, areeiros, cancelas...).

“Nos próximos días imos comezar as obras de Vilacide, onde imos acondicionar a planta superior da escola para deixar un espazo máis aberto, arranxaremos o baño e remodelaremos as dúas aulas para os maiores, aos que este espazo lles estaba quedando moi pequeno”, apunta a concelleira orosá. Beatriz Rodeiro agarda que as obras en Vilacide estean rematadas para o 12 de setembro, coincidindo co inicio do novo curso escolar.