subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso pon en marcha tres cursos en liña gratuítos sobre emprendemento dixital, ciberseguridade e Internet.


orosoO Concello de Oroso abre hoxe a inscrición en tres cursos en liña gratuítos sobre emprendemento dixital, ciberseguridade e o Internet das cousas. Uns cursos que terán lugar en virtude do convenio entre a Aula Mentor de Oroso e Cisco, nos que o alumnado disporá dun titor que realizará un seguimento personalizado dos avances de cada persoa.

A matrícula pódese realizar de forma gratuíta na Aula Mentor de Oroso ata o vindeiro 7 de outubro. Cada curso conta con 300 prazas (para todas as Aulas Mentor) que serán asignadas por rigorosa orde de inscrición, polo que é importante que aquelas persoas que desexen participar nalgún destes cursos se inscriban canto antes. A formación comezará o día 10 de outubro e o prazo para rematar finalizará o 10 de decembro. Esta iniciativa súmase aos cursos especializados en tecnoloxía de redes CCNA que Cisco e a Aula Mentor de Oroso ofrecen cada ano.

Cursos

O curso “Introdución á ciberseguridade” ten unha duración de 15 horas, durante as cales o alumno aprenderá a protexer os seus datos e a súa privacidade persoal en liña. Así mesmo, descubrirá como protexen os negocios as súas operacións dos ataques cibernéticos e por que este tipo de traballos se están incrementando.

Tamén de 15 horas lectivas é o curso “Emprendemento dixital”, no que o alumnado coñecerá casos de estudo interactivos e en liña para amosar como usar habilidades de tecnoloxía de rede para comezar un negocio ou dar un paso adiante na súa carreira profesional. Finalmente, o curso “Introdución ao Internet das cousas”, de 20 horas de duración, ofrece unha descrición xeral dos conceptos e desafíos relacionados coa transformación dixital. O curso examina a evolución de Internet e como a interconexión entre as persoas, datos e procesos está a transformar cada sector da sociedade.