subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso pon en marcha unha campaña con 90 comerciantes para que ningún neno quede sen xoguetes o Día de Reis


orosoO Concello de Oroso vén de poñer en marcha a campaña solidaria “En Reis, ningún neno/a sen agasallo”, que pretende que todos os nenos e nenas das familias máis vulnerables do municipio poidan disfrutar dun agasallo o día de Reis. Unha iniciativa na que conta coa desinteresada colaboración de noventa establecementos comerciais do municipio, que ata o vindeiro 22 de decembro albergarán nos seus locais unhas huchas para recoller os donativos que queiran facer os seus clientes.

A concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodeiro, agradece a implicación dos comerciantes orosáns xa que “entre todos conseguiremos que, nun día tan especial como o de Reis, todos os nenos e nenas teñan un xoguete co que poder xogar”. Así, o 22 de decembro os Servizos Sociais de Oroso recollerán os cartos, que serán entregados aos dous establecementos que lideran esta campaña, Refoxos e Aula 10, para que consigan os regalos para as familias máis desfavorecidas do municipio, previas “cartas aos reis” dos propios pequenos. Os agasallos serán entregados a principios de xaneiro ás familias, dunha forma totalmente discreta, para que poidan ser recibidos polos pequenos o Día de Reis.