O Concello de Oroso invita á veciñanza a formarse no uso da súa Sede Electrónica nun taller que terá lugar o vindeiro luns día 4 de novembro
O taller formativo desenvolverase na Aula de Formación EducaOroso e os veciños de Oroso poderán coñecer o funcionamento e as vantaxes da oficina electrónica do concello.
A impartición do taller nesta aula permitirá que os asistentes realicen as súas propias xestións nos equipos, familiarizándose co modo de acceso e os sistemas de identificación que permiten a utilización da plataforma. A formación será impartida polo axente dinamizador do proxecto PEL-Concello Dixital e terá lugar o vindeiro luns día 4 de novembro de 10:00 a 12:00 horas.
O teu concello, aberto as 24 horas do día
sede.oroso.gal é a porta á oficina do teu concello, aberta as 24 horas do día, todos os días do ano. Desde este enderezo dixital podes acceder á sede electrónica do teu municipio para realizar trámites sen ter que te desprazar, a calquera hora do día, os 365 días do ano.
Esta oficina dixital garante a seguridade do cidadán, que pode empregar diversos mecanismos para identificarse a través da plataforma Cl@ve. Unha vez dentro, a persoa usuaria pode solicitar subvencións, pedir licenzas, obter ao momento o volante de empadroamento, facer e consultar o estado das xestións iniciadas…
O funcionamento da oficina é sinxelo e intuitivo, pero se queres coñecer a fondo como empregala, inscríbete en calquera na sesión formativa que terá lugar o vindeiro luns día 4 de novembro de 10:00 a 12:00 horas.
Podes solicitar a túa praza a través do seguinte enlace:
https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/29993