subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso realiza esta fin de semana as dúas primeiras degustacións do I Concurso de Tapas de Oroso.


Trece locais participarán na escolla da mellor tapa de Oroso, elixida por votación popular en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas.

Oroso realiza esta fin de semana, 6 e 7 de marzo, as súas primeiras degustacións da primeira edición do Concurso de Tapas, organizado polo Concello de Oroso e patrocinado por Autoservicios Familia. Unha iniciativa na que participan un total de trece establecementos do municipio: nove de Sigüeiro e outros catro situados nas parroquias de Senra, Gándara, Oroso e Vilarromarís.

O concurso estará aberto tanto aos veciños como a todos os que visiten Oroso durante esta fin de semana. Entre as 12:00 e as 15:00 horas e entre as 19:00 e as 21:00 horas, os locais participantes no concurso entregarán unha tapa de balde con cada consumición. Unha vez degustada, o establecemento selaralle ao cliente o boleto de votación, que terá que depositar antes do domingo 14 de marzo na urna dese ou doutro establecemento participante.

Para que ese voto sexa válido, a papeleta deberá contar cun mínimo de 4 selos que corroboren que se probaron as tapas de polo menos 4 establecementos distintos. Ademais, para poder optar ao premio patrocinado por Autoservicios Familia, o cliente deberá achegar un mínimo de 7 selos, dous dos cales deberán ser dalgún dos establecementos participantes situados fóra de Sigüeiro. O premio será unha fin de semana en réxime de pensión completa nun balneario próximo.

Relación de establecementos

Os trece establecementos que participarán nesta primeira edición do Concurso de Tapas de Oroso son Cervecería Xesto, Bar Tapas, O Rodeo, Adega O Ribeiro, Restaurante-Bar Cortés, Café-Bar A Praza, X que no?, Mesón Pulpería Carballal e O Café de Manuela (todos eles en Sigüeiro); o Bar O Zapateiro (Senra), o Restaurante Lar Blanco (Gándara), o Bar Stop (Oroso) e o Bar Falmega (Vilarromarís). Estes trece locais optarán a un premio de 300 euros, patrocinado por Autoservicios Familia, máis diploma acreditativo como gañador do concurso, outorgado polo Concello de Oroso.

A concelleira de turismo, Vanessa Reboredo, espera acadar con este concurso “un maior número de visitantes ao municipio e dinamizar a hostalería orosá, ao tempo que se promove a gastronomía local e as posibilidades de Oroso en materia de turismo”. A segunda e última sesión de degustación terá lugar na fin de semana do 13 e 14 de marzo.