A Coral Polifónica de Santa Eulalia de Senra triúnfa na súa actuación en Góis (Portugal).
A Coral Polifónica de Santa Eulalia de Senra ofreceu un concerto na praia fluvial da Peneda, na vila de Góis (Portugal). Unha actuación enmarcada nos actos organizados pola Cámara Municipal de Góis co gallo da inauguración do certame GóisArte 2010 e que congregou a centos de veciños e veciñas desta localidade lusa, irmandada con Oroso. Un acto que estivo presidido pola presidenta da Cámara Municipal de Góis, María de Lurdes Oliveira Castanheira, e polo concelleiro de Cultura de Oroso, e membro da coral polifónica, Eduardo Veiras.
Veiras Rey explica que “fixemos unha actuación dividida en dúas partes: unha primeira co repertorio habitual da coral e unha segunda parte na que tocamos música popular galega, acompañados dun par de gaiteiros. Esta parte foi a que gustou máis, porque foi quizais a máis alegre e pegadiza”. A actuación da coral orosá precedeu a un espectáculo de pirotecnia na praia fluvial da Peneda, que serviu como peche do GóisArte 2010.
