Dous rapaces do Oroso TM, ás portas da Selección Española de Tenis de Mesa.
Á concentración, que terá lugar do 2 ao 12 de agosto en Murcia, tamén asistirá o responsable técnico do Oroso TM, Valeri Malov.
Dous rapaces do Oroso TM, os benxamíns Silvia Álvarez e Uxío Regueiro, veñen de ser seleccionados para participar nunha concentración da Real Federación Española de Tenis de Mesa, que terá lugar do 2 ao 12 de agosto no Centro de Alto Rendemento Infanta Cristina de Los Alcázares (Murcia). Unha convocatoria reservada para os mellores xogadores de España e que serve para facerlles un seguimento de cara a futuras convocatorias da selección española.
O Oroso TM é un dos poucos clubs de España que contará con dous xogadores convocados. Ademais, o adestrador e máximo responsable técnico do Oroso TM, Valeri Malov, tamén estará presente nesta cita formando parte do equipo técnico que dirixirá a concentración. Así, durante dez días, Uxío e Silvia concentraranse xunto cos mellores xogadores de España da categoría benxamín. Dez días nos que estarán ás ordes dos mellores adestradores do tenis de mesa nacional.
Deste xeito, o Oroso TM, con apenas tres anos de vida, está a piques de facer historia ao colocar varios xogadores locais moi cerca da selección española.