subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Trasmonte acolle este sábado a tradicional sega do trigo a man.


Veciños e participantes están convidados a participar na festa e posterior merenda, coa que o Concello busca recuperar esta tradición.

A parroquia de Trasmonte acollerá este sábado 31 de xullo, a partir das 17:00 horas, a tradicional sega do trigo, que terá lugar nunha parcela situada preto da escola da Esquipa. Trátase dunha festa promovida polo Concello de Oroso co obxecto de recuperar esta tradición e que este ano cumpre a súa quinta edición.

A sega prolongarase, aproximadamente, durante 3 ou 4 horas. Os participantes traballarán con fouciños para realizar a sega pasando a ferramenta a rentes da terra e recollendo as presas ou brazadas de trigo coas que se forman os monllos, que quedan atados para que non se desfagan. Estes monllos quedan na leira ata que se amorean uns 20 deles en forma cónica, formando así un “medeiro”, que quedarán no campo a secar para que logo os grans de trigo se desprendan con facilidade da espiga. Despois do traballo, todos os participantes gozarán dunha merenda campestre.

Coa organización desta sega, o Concello de Oroso quere implicar aos veciños e veciñas do municipio na recuperación da riqueza cultural destas terras. Por iso esta actividade se desenvolve cada ano nunha parroquia distinta e cunha grande acollida por parte dos veciños, como xa aconteceu en Deixebre o ano pasado, en Marzoa (2008), en Senra (2007) e en Trasmonte (2006).

Ademais, o 21 de agosto, terá lugar a festa da malla do trigo, en Sigüeiro, no Paseo do Carboeiro. A xornada comezará ás dez da mañá e prolongarase todo o día, co tradicional xantar incluído. Durante todo o día haberá xogos tradicionais, exposicións de apeiros de labranza, servizo de bar e contaremos coas actuacións de Buxos Verdes e a Banda de Música de Ordes.