subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso conmemora o 8 de marzo cunha xornada de cooperativismo, cunha obra de teatro e coa entrega de premios do concurso de fotos.


A vintena de fotografías presentadas ao concurso “Muller traballadora” poderá visitarse na Aula de Música ata o 29 de marzo.

O Concello de Oroso conmemorará o Día Internacional da Muller, que se celebra mañá venres 8 de marzo, cunha serie de actividades formativas, lúdicas e divulgación de carácter totalmente libre e gratuito. De feito, a concelleira da Muller e Igualdade, María del Carmen Liste Raña, convida a todos os veciños e veciñas de Oroso a participar nestes actos pois “acadar unha igualdade real pasa non só polo traballo das mulleres, senón tamén por contar co apoio dos homes e de toda a sociedade”. O centro de todas as actividades será o centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro

Xornada cooperativismo

Así, entre as 10:30 e as 12:30 horas terá lugar a xornada “O cooperativismo: unha fórmula de emprego válida para as mulleres”, organizada polo Concello de Oroso en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes. A xornada será impartida por Ana Lorenzo Vila, técnica de fomento cooperativo da Dirección Xeral de Emprego e Economía Social, e estará presidida por María del Carmen Liste Raña, concelleira de Muller e Igualdade.

Durante esas dúas horas, as asistentes coñecerán como as cooperativas son unha forma de asociacionismo que aguanta moi ben en tempos de crise e aprenderán que son e como funcionan as cooperativas, que tipos de cooperativas existen, como crealas e os apoios que existen. “O autoemprego é unha alternativa para estes tempos de inseguridade laboral. Se unha muller ve unha posibilidade de negocio, non ten que agardar a que alguén a contrate, hai posibilidades de sacar adiante unha empresa que se adapte ás súas ideas e proxectos. E dende Emprega Oroso podemos asesorarla, axudarlle a perfilar o concepto, a enfrontarse ao papeleo, a como acceder a axudas e subvencións....”, explica Liste Raña.

Boletín informativo [Descargar boletín]

Unha información que aparece recollida nun boletín informativo que recolle “información especialmente útil para as mulleres de Oroso, que se centra nos recursos que están á súa disposición, sobre todo en materia de cooperativismo”, sinala María del Carmen Liste. Trátase da segunda edición deste boletín, que pode tamén consultarse a través da web municipal (www.concellooroso.com). Un boletín, editado polo Concello de Oroso en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes, que destaca as vantaxes do autoemprego e ofrece todos os organismos e direccións de contacto que pode precisar unha emprendedora.

Clown interactivo

Xa pola tarde, ás 19:30 horas, a compañía Duende Sico representará “Non sabes quen es”, un espectáculo de clown interactivo de 45 minutos de duración dirixido especialmente a un público de nenos e adolescentes. Unha obra na que un clown e unha narradora moi orixinal, utilizan o humor e a sorpresa para interactuar co público e promover os valores da igualdade. A entrada é totalmente libre e de balde.

Entrega de premios

O acto rematará a iso das 20:15 horas coa entrega dos premios da terceira edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, un certame ao que se presentaron unha vintena de imaxes sobre situacións que reflictan o traballo das mulleres, en calquera eido. O Concello de Oroso entregará tres premios: 250 euros para a fotografía gañadora, así como 150 e 100 euros para o segundo e o terceiro clasificados. A exposición con todas as obras participantes poderá visitarse na Aula de Música do Concello de Oroso ata o vindeiro 29 de marzo.