subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Un total de 140 nenos e nenas dos CEIP de Oroso e Sigüeiro asisten a unha sesión de contacontos pola igualdade.


orosoUn total de 140 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria dos CEIP Sigüeiro e Oroso participaron esta mañá nunha sesión especial de contacontos pola igualdade celebrada no centro cultural de Sigüeiro. Un acto que estivo presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen estivo acompañado pola concelleira de Muller, María del Carmen Liste, e polo concelleiro de Familia, Antonio Leira.

O acto comezou coa lectura dun manifesto de apoio ás mulleres e de rexeitamento á desigualdade e á violencia de xénero, onde se reivindicaba o bo trato. A lectura fíxose conxuntamente entre o alcalde, os dous concelleiros, profesores de ambos CEIP e representantes dos alumnos e alumnas aló presentes. Acto seguido tivo lugar a representación dos contacontos “As princesas pitas” e “A rebelión das lavandeiras”, a cargo de Ana Carreira. A actividade pechouse coa lectura dunhas reflexións sobre a violencia de xénero a cargo dos alumnos e alumnas de Oroso. 25n

Así mesmo, durante a xornada de hoxe repartíronse 1.300 bolsas entre os 76 establecementos comerciais de Oroso que participarán na campaña contra a violencia de xénero posta en marcha polo Concello de Oroso e a Mancomunidade de Ordes. Os comercios repartirán estas bolsas multiúsos biodegradables, co lema “Podería ser eu. Podería ser calquera”, entre os seus clientes. Nesa bolsa figuran nun lugar destacado os teléfonos de contacto aos que pode acudir calquera vítima de maltrato: o 016, o Teléfono da Muller (900 400 273) ou o teléfono do Centro de Información á Muller de Ordes (981 69 21 08).

Autoprotección

Mañá mércores, 26 de novembro, o complexo deportivo Juanito Amigo (Sigüeiro) acollerá un obradoiro de autoprotección para mulleres. Entre as 11:00 e as 14:00 horas, aquelas veciñas que o desexen poderán aprender técnicas de autoprotección e defensa ante posibles situacións de perigo. A participación é totalmente de balde.