subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso inaugura este martes “Sahebbi”, unha exposición fotográfica solidaria co Sáhara.


orosoA Asociación Sahebbi presentarase este martes en sociedade coa inauguración da exposición “Sahebbi”, unha mostra fotográfica solidaria co Sáhara que poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o vindeiro 24 de outubro. Un acto que terá lugar este martes 11 de outubro, ás 20:00 horas, e que contará coa presenza de Luís Rey Villaverde, concelleiro de Cultura, e de Xabier Ron, membro do Intergrupo Parlamentario Paz e Liberdade para o Pobo Saharauí, que será presentado pola xornalista Susana Suárez Recouso.

No acto contarase coa presenza de moitos dos fotógrafos que doaron desinteresadamente as súas imaxes para este proxecto, tanto profesionais (Álvaro Ballesteros, Demi Álvarez, Gabriel Tizón, Juan Teixeira, Marta Pérez Elosua, Marcello Scotti, Miguel Núñez, Tono Arias e Xosé Abad) como afeccionados (Ana Expósito, Ana Tuy, Ángel Balseiro, Carlos Purriños, Delio Sánchez, Edith López, Fran Piñeiro, Javier Peleteiro, Marcos Budiño, José Blanco “Josito”, Pablo Fontenla, Rafa Arroyo, Silvia Muíña e Suso González).

Sahebbi, “amigo” na nosa lingua, é unha asociación sen ánimo de lucro que acaba de nacer no Concello de Oroso comprometida coa causa do Sáhara Occidental. A venda das obras desta exposición fotográfica irá destinada integramente a dous proxectos solidarios dos campamentos de Tinduf: o centro de educación e integración para menores con diversidade funcional e a asociación de vítimas de minas.