subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O centro cultural de Sigüeiro acollerá ata o 28 de xaneiro unha mostra fotográfica do Can de Palleiro e obradoiros para os nenos e nenas.


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o presidente do Club de Raza Can de Palleiro, Ernesto Fernández Ruíz, inauguraron unha exposición fotográfica sobre o can de palleiro, que poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o próximo 28 de xaneiro. Manuel Mirás agradeceulle ao Club “o seu traballo na recuperación desta raza autóctona e por traer esta exposición a Oroso e organizar actividades cos nenos e nenas dos colexios, para que se sintan orgullosos e aprendan a valorar o que aquí temos”. Un punto no que coincidiu Ernesto Fernández, quen apuntou que dende o Club de Raza Can de Palleiro “temos que promover e divulgar a raza can de palleiro, sobre todo agora que cumprimos quince anos como club”.

Precisamente, este mércores 18 de xaneiro terá lugar un obradoiro con nenos e nenas dos distintos colexios de Oroso nos que coñecerán as características dos cans de palleiro cuns exemplares traídos para a ocasión. “É un can polivalente, coñecido sobre todo pola súa función de garda e pastoreo, pois é dos poucos que se atreve tamén con gando maior, pero tamén é un excelente animal de compañía e na Universidade da Coruña están facendo terapias con estes cans”, explica Juan Carlos Puente Hermida, experto do Club de Raza Can de Palleiro.

Charla sobre razas autóctonas

Juan Carlos Puente Hermida protagonizou unha charla sobre as razas autóctonas galegas durante a inauguración da exposición. Durante a súa intervención explicou que “salvo a rubia galega, que chegou a un gran desenvolvemento, todas as demais razas autóctonas galegas hoxe por hoxe están en perigo de extinción”. Unha charla na que aproveitou para explicar as características das distintas razas autóctonas galegas: bovinas (cachena, caldelá, vianesa, frieiresa e Limiá), ovella, cabra, galiña de Mos, porco celta, cabalo de pura raza galega e catro razas de cans, tres de caza (guicho, podengo galego e perdigueiro galego) e o can de palleiro.

Puente Hermida explicou que “as razas de animais domésticos son o froito da elección dos animais máis produtivos e mellor adaptados ao medio dun territorio determinado” e deu múltiples razóns para a súa conservación: “dende que forman parte da nosa cultura ata que son as que mellor rendemento tiran dos nosos ecosistemas. Non son produción en cantidade, pero sí en calidade”.