subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso será a sé do I Campionato do Mundo por Parellas de Pitch&Putt, que reunirá aos 112 mellores xogadores deste deporte.


Un total de 56 parellas de todo o mundo xogarán este torneo do 9 ao 11 de xuño nas instalacións de Tambre Pitch&Putt en Porto Avieira.

orosoOroso será a sé do I Campionato do Mundo por Parellas de Pitch&Putt, que reunirá aos 112 mellores xogadores deste deporte nas instalacións de Tambre Pitch&Putt en Porto Avieira do 9 ao 11 de xuño. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, recibiron esta mañá en Sigüeiro ao presidente da Asociación Gallega de Pitch and Putt (ASGAPP), Víctor Rodríguez Casar, e ao directivo da ASGAPP Juan Codesido, que lles explicaron os detalles deste torneo.

Víctor Rodríguez Casar explica que “despois do éxito conseguido coa organización do segundo Campionato do Mundo de Pitch&Putt de 2013, no que participaron 108 xogadores de catorce países, solicitamos acoller esta primeira edición do Campionato do Mundo por Parellas, no que participarán 112 xogadores repartidos en 56 parellas procedentes de todas as partes do mundo, coa única excepción de Sudamérica e Oceanía”. Rodríguez Casar indica que “do 9 ao 11 de xuño estarán en Oroso os mellores xogadores do mundo deste deporte” e apunta que “as parellas irlandesas e holandesas parten como claros favoritos, se ben tamén hai parellas moi fortes de Cataluña, onde tiveron que pasar unha dura preselección, e penso que tamén hai un par de parellas de Oroso que poden estar no Top 10 do campionato”.

A falta de incorporar as catro últimas parellas, Víctor Rodríguez está convencido de que o torneo “será un éxito de participación tanto polo número de xogadores como pola súa calidade, o que permitirá que os espectadores disfruten dun gran espectáculo”. De feito, anunciou que a xornada final do domingo será retransmitida a través de Internet.

Pola súa banda, Manuel Mirás amosa a súa gran satisfacción por que “un acontecemento tan importante teña lugar en Oroso. Hai catro anos xa albergamos un Campionato do Mundo e agora o nome de Oroso volve estar en boca de medio mundo, algo que temos que agradecer”. O alcalde ofreceu toda a colaboración do Concello de Oroso coa organización do campionato, “que agardamos que sexa todo un éxito”. Así mesmo, propúxolle ao presidente da ASGAPP facer algunha actividade cos escolares do municipio “para desmitificar un pouco este deporte e que os nosos cativos e cativas o coñezan e vexan que non é un xogo para as elites, senón para todo o mundo”.

Recoñecido afeccionado a este deporte nacido en Irlanda como unha versión máis accesible do golf, Mirás Franqueira asegura que “relaxa moitísimo, vén moi ben para a saúde e pode practicarse dos 7 aos 90 anos, pois é máis técnica ca forza. É un diamante en bruto e nos sentimos orgullosos de que apostarades por nós para ser a sede deste campionato mundial”.

112 xogadores

O Pitch & Putt é un deporte creado nos anos 50 en Irlanda e concibido como unha popularización do seu deporte de orixe: o golf. O seu crecemento en todo o mundo está sendo exponencial, tanto pola súa accesibilidade e custos menores na súa práctica, como polo baixo custo tamén na construción e mantemento das instalacións nas que se practica. Unha das súas particularidades é que permite competir entre xogadores de distintas idades e niveis, xa que a cada un se lles aplica un hándicap distinto e iso permite que o xogo se decida pola habilidade do xogador, non tanto pola súa forza ou idade.

O I Campionato do Mundo por Parellas de Pitch&Putt está organizado pola Federación Internacional de Pitch & Putt e a Asociación Gallega de Pitch and Putt, en colaboración co Concello de Oroso, Coca-Cola, Heineken e Tambre Pitch & Putt. Reunirá a 112 xogadores distribuidos en 56 parellas que tiveron que competir nas súas respectivas federacións para poder gañar a praza en Oroso. A delegación máis numerosa será a galega, con ata 21 parellas, seguida por Cataluña, Andorra, Irlanda, Holanda, País Vasco e Gran Bretaña.

O torneo empezará a xogarse o venres 9 de xuño, de 16:00 a 21:00 horas. O sábado terá lugar durante todo o día, de 9:30 a 21:00 horas; e o domingo terá lugar a fase final entre as 9:30 e as 14:00 horas. Ás 14:30 horas terá lugar a entrega dos galardóns, que contará coa asistencia do alcalde de Oroso, do presidente e secretario da Federación Internacional de Pitch & Putt (FIPPA) e do presidente da Asociación Gallega de Pitch and Putt.

Dende a organización do torneo estiman que estes xogadores, xunto cos seus acompañantes, pasarán en Galicia varios días. Por iso, Manuel Mirás lamenta que “en Sigüeiro nos siga faltando unha infraestrutura hoteleira, porque todas estas persoas poderían durmir en Sigüeiro e o impacto económico deste campionato sería aínda maior entre o comercio e a restauración local”. De todos modos, salientou que o torneo coincidirá coa celebración do VIII Concurso de Tapa en Tapa, polo que “todos os xogadores e os seus acompañantes poderán degustar a nosa mellor gastronomía e, os que veñan de fora de España, coñecer e desfrutar dunha tradición tan nosa coma o tapeo”.