subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A Deputación e o Concello de Oroso invisten medio millón de euros para reformar o campo de fútbol da Penela e dotalo de herba artificial.


O proxecto inclúe a renovación da cuberta e a reforma dos vestiarios e a cafetería.
O concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, salienta que “poremos en valor unha instalación actualmente sen utilizar ao tempo que lle damos cobertura a outros equipos e á nosa escola de fútbol”.

orosoO concelleiro de Deportes de Oroso, Luís Rey Villaverde, celebra o anuncio de que a Comisión de Cooperación e Asistencia a Municipios vén de aprobar o convenio de colaboración co Concello de Oroso para financiar as obras de acondicionamento e mellora do campo de fútbol de A Penela. Un proxecto, que será sometido á ratificación do pleno provincial do presente mes de novembro, e que conta cun orzamento total de 502.533 euros, dos cales a Deputación achegará 330.000 euros (66%) mentres que o Concello asumirá o 24% restante con fondos propios.

Luís Rey salienta que con este investimento “poremos en valor unha instalación deportiva que actualmente está practicamente sen utilizar, ao tempo que lle atopamos unha saída á masificación do campo Lino Balado, xa que precisábamos doutra instalación onde dar resposta ás necesidades tanto das nosas escolas deportivas como doutros equipos do concello”. De feito, o da Penela será o segundo campo de fútbol de herba artificial de Oroso, que conta co campo municipal Lino Balado, onde actualmente adestran e xogan ao fútbol máis de 500 rapaces de todas as idades pertencentes a Xuventude de Oroso, unha das escolas de fútbol base máis importantes da provincia e que este mesmo ano foi distinguida pola Federación Galega de Fútbol co Premio ao Fútbol Base da demarcación de Compostela.

Herba artificial, iluminación e vestiarios

As obras no campo da Penela, na parroquia de Oroso, incluirán a instalación de herba artificial de última xeración en toda a superficie de xogo, o que mellorará as condicións do campo para a práctica deportiva e reducirá considerablemente os custos de mantemento. Previamente, acondicionarase o terreo e executarase unha base de aglomerado, co obxectivo de dotar ao terreo das pendentes adecuadas e asegurar a durabilidade do novo céspede. Así mesmo, instalarase unha nova rede de drenaxe e un sistema de rego automático.

As reformas no campo incluirán tamén a colocación de 20 proxectores LED, que permitirán dotar de iluminación á instalación, e novo equipamento deportivo, como porterías, banderíns e banquillos. O campo de fútbol de A Penela conta cun edificio duns 240 m2 no que se sitúan os vestiarios, o almacén, os aseos e a cafetería. Na actualidade, estas instalacións non cumpren os criterios de accesibilidade e presentan problemas de conservación debido as filtracións de auga e humidade, “polo que as instalacións non están a ser utilizadas por ningún equipo”, puntualiza Luís Rey.

O proxecto contempla a demolición total da cuberta da edificación, para substituíla por unha nova de lousa arma en formigón e aceiro. Asemade, impermeabilizaranse todos os muros exteriores e instalarase un novo sistema de drenaxe. Para garantir o correcto illamento térmico, tamén se renovarán todas as carpinterías, incluíndo novas portas e ventás de PVC.

No interior do edificio, procederase a unha redistribución do espazo para ofrecer un maior aproveitamento das instalacións, e garantir a accesibilidade universal, favorecen o seu uso por parte das persoas con mobilidade reducida. Neste sentido, tamén se construirá unha rampla de acceso con tramos de 3 metros de lonxitude e unha pendente do 10%, que salvará o desnivel que existe actualmente.

Tras estas actuacións, a edificación presentará dous vestiarios para o equipo local e o visitante, ambos accesibles e dotados dunha cabina de ducha adaptada, un vestiario para árbitros, unha zona de cafetería con aseos e dous almacéns, nos que se emprazará unha caldeira de biomasa para a auga quente