subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O VII Campus Oroso-Fundación Celta 2018 será do 2 ao 27 de xullo e xa está aberto o prazo de inscrición.


orosoA Casa da Cultura de Oroso acolleu a presentación do VII Campus Oroso-Fundación Celta 2018, que será do 2 ao 27 de xullo para nenos e nenas de entre 4 e 16 anos. Como xa é tradicional, ademais dos entrenamentos o campus inclúe visitas a Balaídos, ao aquapark de Cerceda, piscina, sendeirismo e a práctica doutros deportes.

Na presentación estiveron o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Deportes, Luis Rey. Polo Celta estivo Alex Abalde, responsable dos campus da Fundación RC Celta de Vigo, e representando a ED Xuventude Oroso, o seu presidente, José Ferro Calvo. “Para un concello como o noso é un pracer colaborar con iniciativas deste tipo”, asegurou o alcalde, que felicitou ao ED Xuventude Oroso pola súa traxectoria e polo traballo que desenvolven cos nenos e nenas. O VII Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo en Oroso terá unha duración de 4 semanas. As familias terán a posibilidade de matricular aos cativos por semanas soltas e de elixir entre dúas modalidades: matinal (de 10:00 a 14:00 horas) ou completa (de 10:00 a 18:00 horas).

Durante as mañás, haberá os entrenamentos habituais nun equipo de fútbol, mentres que pola tarde haberá distintas actividades de ocio: multideporte, piscina, pádel, squash, charlas e proxeccións, rutas de sendeirismo, aquapark, unha visita ás instalacións do Celta de Vigo na Madroa e un tour polo estadio de Balaídos. Os obxectivos do campus son alcanzar de maneira lúdica que os nenos/as gocen da actividade deportiva e formativa; convivir de forma amigable e cordial con nenos/as de idades afíns; mellorar os hábitos de disciplina e esforzo, adquirindo valores de respecto polos demais, polo material e polo cumprimento das tarefas; coñecer e desenvolver estilos de vida saudables, a través do binomio dieta saudable e exercicio físico e deporte; practicar o deporte do fútbol, e coñecer e practicar outros deportes.

O campus está aberto a todos os nenos de entre 4 e 16 anos que o desexen, se ben os empadroados en Oroso ou os que forman parte da ED Xuventude Oroso teñen dereito a unha rebaixa sobre a tarifa oficial. Haberá descontos por un segundo irmán e a inscrición inclúe unha equipación Adidas da Fundación Celta de Vigo.

As follas de inscrición poden recollerse no Centro Deportivo de Sigüeiro ou a través da wed de ED Xuventude Oroso (www.xuventudeoroso.com). O prazo de inscrición remata o 29 de xuño e podedes obter máis información no teléfono 646 974375 ou na web do concello.