Oroso inaugura OROSOGÓIS ARTE.
O Concello de Oroso inaugurou unha nova edición do certame OrosoGóisArte, que organiza de forma conxunta co municipio luso de Góis, ubicado na comarca de Coímbra.
Á inauguración asistiu a presidenta da Cámara de Góis, Lurdes Oliveira Castanheira, e outros representantes do grupo de goberno do municipio luso, irmandado con Oroso. No certame deste ano, participan 68 artistas de 25 países diferentes.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destacou a calidade das obras e os beneficios “de traballar xuntos, en colaboración con outros concellos como é o caso de Góis”.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Luis Rey, lembrou que “a cultura é desde hai moitos anos unha prioridade para o Concello de Oroso; unha prioridade que naceu da demanda veciñal, do interese que todos os veciños e veciñas amosan pola nosa programación cultural. A vosa masiva afluencia a todas as actividades anímanos a seguir adiante”.