subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Exposición de Siro López sobre a Constitución


orosoO Concello de Oroso inaugurou a exposición 'O Camiño á Constitución nas caricaturas de Siro', un fantástico repaso a uns anos fundamentais no pasado recente do noso país grazas ao traballo do debuxante Siro López.

Organizada pola Deputación da Coruña, o Concello de Oroso súmase desta forma ás conmemoracións do 40 aniversario da Constitución. As caricaturas recollen a particular visión do artista ferrolán acerca dalgúns dos episodios máis destacables da Transición española, dende a morte de Franco ata a vitoria do Partido Socialista nas eleccións xerais de 1982.

Na inauguración de hoxe, á que asistiron os nenos e nenas dos centros escolares de Oroso, o alcalde, Manolo Mirás, destacou “a importancia daqueles anos e a importancia de que as novas xeracións teñan constancia do que pasou”. O deputado provincial Antonio Leira eloxiu “o carácter didáctico da mostra”.

A mostra, composta por 117 debuxos acompañados de textos explicativos do contexto histórico de cada un deles, ten entre os seus protagonistas ao Rey Juan Carlos, Adolfo Suárez, Calvo Sotelo, Felipe González, Santiago Carrillo, Manuel Fraga Iribarne, Xerardo Fernández Albor ou Francisco Vázquez.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o 17 de marzo.