Presentada unha nova edición de 'Memoria de Oroso', unha publicación con imaxes do arquivo histórico do Concello
O Concello de Oroso presentou un novo número da revista 'Memoria de Oroso. Revista do arquivo histórico de imaxes do Concello de Oroso'. Trátase do segundo número, correspondente ao ano 2018.
A publicación recolle, a través das imaxes, a memoria de acontecementos históricos no concello e de entidades ou personaxes que deixaron unha fonda pegada en Oroso.
“A memoria é fundamental para entender a historia dos pobos, para que as novas xeracións coñezan as súas orixes e para entender mellor o presente”, asegurou na presentación de onte o alcalde do Concello de oroso, Mirás Franqueira Manolo.
Pola sua parte, Manuel Pazos, coordinador da revista e responsable do arquivo municipal, lembrou que “a publicación faise en parte polas fotografías que os veciños e veciñas de Oroso achegaron ao arquivo”.
Neste número, hai unha serie de fotografías históricas de Sigüeiro e un achegamento ás parroquias de Oroso, unha reportaxe sobre a Sociedade Deportiva Deixebre e outra sobre a Casa Reitoral de Calvente, entre outros contidos.