“Adega O Ribeiro” gaña por terceira vez o Concurso de Tapas de Oroso, no que se degustaron de balde máis de 3.000 racións.
O Concello de Oroso celebra o éxito da iniciativa, pois incrementouse nun 56,9% o número de tapas degustadas.
A Adega O Ribeiro (Sigüeiro), coa súa “Croqueta de marisco”, gañou a cuarta edición do Concurso de Tapas de Oroso, no que participaron 16 establecemento os días 6, 7, 13 e 14 de abril. Así o decidiron as 350 persoas que exerceron o seu dereito ao voto durante eses catro días e cuxos sufraxios foron contabilizados na noite de onte no centro cultural de Sigüeiro diante dos representantes dos locais participantes.
Ao igual que o ano pasado, o reconto foi moi emocionante ata o final xa que tan só 3 votos separaron ao primeiro do segundo clasificados, ambos moi distanciados do resto de participantes dende o primeiro momento. Así, Adega O Ribeiro conseguiu 65 dos 350 votos emitidos; seguido de preto polo único local debutante nesta edición do concurso: Tapería O Martán, que acadou 62 votos. Completou o podio o gañador da edición de 2012: Bar Tapas, con 41 votos.
Deste xeito, Adega O Ribeiro conseguiu un premio de 300 euros e diploma acreditativo que lle será entregado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, nun acto que terá lugar nas próximas semanas. Dáse a circunstancia de que é a terceira vez na que este establecemento gaña o concurso “De tapa e tapa”, certame que gañou nas dúas primeiras edicións e no que en 2012 quedou en segunda posición, dous votos por debaixo do gañador desa edición: o Bar Tapas.
Gran participación
O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Xaime Carneiro, destaca o éxito desta cuarta edición do concurso de tapas xa que “incrementouse notablemente a participación. Basta con indicar que eses 350 votos válidos supoñen que durante eses catro días se degustaron cando menos 3.150 tapas en Oroso, unha cifra moi superior á rexistrada en 2012”. De feito, supón un incremento do 56,9% en participación, o que se traduce en 1.143 tapas máis que o ano pasado. Isto converte a edición de 2013 na máis exitosa das catro celebradas ata o de agora.
Iso si, a participación foi desigual nos 16 establecementos participantes xa que os clientes acudiron a cada local de acordo aos seus gustos, grazas ao pequeno folleto informativo editado polo Concello de Oroso que, ademais de incluír o cartón para votar á mellor tapa, recollía as propostas de cada establecemento para cada un dos catro días do concurso. Ese incremento de participación tamén se amosou nos votos recibidos polos tres primeiros clasificados. Un dato: o gañador de 2013 recibiu case o dobre de votos que o vencedor de 2012. De feito, dáse a circunstancia que o gañador de 2012, Bar Tapas, obtivo este ano 4 votos máis que na edición na que se proclamou campión, pero só lle serviron para ocupar o terceiro posto.
Premiados
Ademais do reconto, tamén se realizou o sorteo dos premios aos que optaban os 350 participantes no concurso de tapas de Oroso. Os gañadores son:
• Un bono dobre para Termaria Casa da Auga na Coruña: Montse Rivera Moure (Oroso)
• Un bono dobre para Termaria: Mª Raquel López Ares (Sigüeiro)
• Circuíto termal dobre no Balneario Compostela: Paco Domínguez Noya (A Barciela-Santiago)
• Bono de beleza dobre en Sanmar estilismo (Sigüeiro)-Avelino Carollo Otero (Marantes)
• Gañadora da cea para dúas persoas na Tapería O Martán (2º clasificado no concurso): Virginia Ríos Antelo (Sigüeiro)
• Gañador dunha cea para dúas persoas no Bar Tapas (3º clasificado no concurso): Víctor Manuel Sánchez Mariño (Trazo)
Finalmente, os gañadores dunha botella de viño Magnum Lan son:
• Mª Teresa Márquez Neira (Sigüeiro)
• Javier Alonso Fuentes (Oroso)
• Jesús Martínez Cores (Sigüeiro)
• José Luis Grela Mirás (Sigüeiro)
• Montse González Pichel (Oroso)
• José Manuel Fernández López (Sigüeiro)
Os 16 establecementos participantes nesta cuarta edición do “De tapa en tapa” foron: Cervexería O Xesto, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, X Que No?, Bar Tapas, Pizzería Hassan, Hostal Mirás, Mesón Tambre, O Rodeo, Restaurante Cortés, Nova Xeira e Tapería O´Martán, todos eles de Sigüeiro. Ademais, tamén concursarán o Bar O Zapateiro (de Senra), o Bar Viúda de Blanco (Senra), o Bar Stop (Oroso) e o Restaurante Liñares (Vilacide-Oroso).