subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso porá todos os medios dispoñibles para axilizar a finalización da parcelaria de Senra, Cardama e Vilarromariz.


 

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, celebra o anuncio realizado hoxe pola Consellería do Medio Rural e do Mar da aprobación da fase de acordo da concentración parcelaria de Senra-Cardama-Vilarromariz II, que xa foi remitido para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. “Hoxe é un día de plena satisfacción no que compre felicitar á Xunta, aos propietarios dos terreos e ao propio Concello de Oroso polo intenso traballo realizado para que este proxecto chegue a bo termo despois de máis de vinte anos de loita”, explica Manuel Mirás.

O alcalde orosán agarda que “agora todo vaia moito máis rápido” e anuncia que “o Concello de Oroso porá todos os medios dispoñibles para axilizar no posible a tramitación e evitarlles molestias innecesarias aos propietarios de terreos nestas tres parroquias”. Co anuncio realizado hoxe pola Consellería do Medio Rural e do Mar abrirase un prazo de 30 días hábiles de exposición pública do acordo, que poderá ser examinado no Concello de Oroso e nos centros socioculturais de Senra, Cardama e Vilarromariz.

Exposición pública

O acordo anunciado hoxe supón a determinación das fincas de remprazo, cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Deste xeito, a concentración parcelaria de Oroso, supón a reorganización de 10.798 parcelas pasando a contar con 1.505 fincas pertencentes a 813 propietarios. Lévanse investido dende o inicio da concentración máis de 4,3 millóns de euros; unha meirande parte -3,7 millóns de euros- foron destinaron á execución da rede de camiños e máis de 600.000 euros a investimentos en servizos técnicos como a elaboración do proxecto de concentración, a redacción do acordo, etc.

Entre a documentación a examinar polos propietarios figuran as fincas de remprazo, as fichas de atribucións e os planos da concentración, polo que Manuel Mirás convida aos propietarios “a acudir ao Concello de Oroso, onde poderán consultar toda a información e poderán resolver calquera dúbida que lles xurda”. Contra o acordo, os interesados poderán interpoñer un recurso de Alzada ante a consellería do Medio Rural e do Mar dentro do prazo de 30 días contados dende o seguinte á notificación a cada un dos propietarios.