subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso recibe a un grupo de expertos internacionais en patrimonio que están percorrendo o Camiño Inglés.


Os máximos responsables do International National Trusts Organisation (INTO) destacaron que “o futuro do patrimonio está na xente nova e dependerá en gran parte do entusiasmo que eles teñan”.

orosoOroso vén de recibir a visita dun grupo de expertos internacionais en patrimonio que están percorrendo o Camiño Inglés para coñecer en detalle esta ruta, unha iniciativa promovida pola entidade Tesouros de Galicia en colaboración coa Deputación da Coruña para promover este camiño. Os concelleiros de Cultura, Antonio Leira; Turismo, Xaime Carneiro; e Familia, María del Carmen Liste; recibiron ao grupo de peregrinos, que estaba encabezado polos máximos responsables do International National Truts Organisation (INTO): Simon Molesworth, presidente; Bill Turner, vicepresidente; e Oliver Maurice, director internacional. Canda eles tamén participou Javier Rodríguez-Losada, presidente de Tesouros de Galicia e que exerceu tamén como tradutor.

Antonio Leira deulles a benvida a Oroso e explicoulles brevemente as principais características do municipio, facendo fincapé en aspectos definitorios do municipio como o seu apoio á cultura, a importancia do seu medio natural ou o feito de tratarse dun concello cunha poboación das máis novas de Galicia e que sigue medrando. Un aspecto que destacou especialmente Simon Molesworth, quen asegurou que “é importante implicar á xente nova na conservación do patrimonio. O futuro do patrimonio está nas mans da xente nova e dependerá en gran parte do entusiasmo que eles teñan”.

A recepción tivo lugar no centro cultural Fernando Casas e Novoa, onde a expedición tamén puido visitar a exposición de GóisOrosoArte 2014, que Leira puxo como exemplo “da importancia que neste concello damos á cultura, concibida como algo que nos define pero que tamén nos une co resto dos pobos como, neste caso, o municipio portugués de Góis”. Molesworth coincidiu con Leira en que “somos parte dunha comunidade global e, mentres esteamos conectados, iso nos axudará a un desenvolvemento tamén global”.

Guía do concello

O Concello de Oroso agasallou aos peregrinos cun lote de publicacións que incluía o libro da exposición de GóisOrosoArte 2014, un mapa turístico do Concello de Oroso e exemplares en inglés da Guía Turística de Oroso. “Sabemos que agora non tendes tempo pero estamos seguros de que esta guía vos descubrirá a riqueza cultural e paisaxística do concello dos seis ríos”, explicou Antonio Leira, quen desexou que “nunha próxima visita a Galicia poidades descubrilos por vós mesmos”.

Pola súa banda, o presidente do International National Truts Organisation entregoulle ao Concello de Oroso un bolígrafo de madeira. Unha madeira moi especial, xa que pertencía a unha desaparecida árbore australiana de máis de douscentos anos de antigüidade. Leira agradeceu o agasallo e explicou que “dende hoxe, as visitas ilustres que reciba o Concello de Oroso e vaian asinar no seu Libro de Honra utilizarán este bolígrafo”.

A expedición aproveitou a tarde de onte xoves para coñecer Sigüeiro e probar a gastronomía local, especialmente as troitas. Esta mañá, os peregrinos partiron cara Santiago de Compostela.

INTO

Só no Reino Unido, International National Truts Organisation conta con máis de catro millóns de socios. INTO ten presenza en todos os continentes, ata en 66 países como Australia, Taiwán, República Checa e Canadá, entre outros. O seu obxectivo principal é o de promover a conservación e posta en valor do patrimonio por parte de todos, é dicir, máis aló das obrigas das institucións públicas.

Tesouros de Galicia é un colectivo sen ánimo de lucro que pretende promover o patrimonio galego e a súa identidade cultural. Así mesmo, impulsa a articulación dunha imaxe orixinal e diferenciadora de Galicia para a internacionalización do turismo galego. Agora mesmos está inmerso nun proxecto de revalorización do Camiño Inglés, que conta cunha achega de 28.320 euros por parte da Deputación Provincial da Coruña, o que supón un 80% do proxecto. Esta visita é unha das medidas de promoción que se levarán a cabo ao longo do proxecto.