subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O “Peregrino” do Café Bar Manuela gaña o VI Concurso de Tapas de Oroso, no que degustaron case 3.000 tapas, un 29,8% máis ca en 2014.


Javier Lorenzo Sanmartín, de 7 anos, gañou a primeira edición do Concurso Infantil de Tapas Frías coa tapa “Canapés Magdalena”

orosoO Café Bar Manuela (Sigüeiro) e o seu “Peregrino” alzáronse co primeiro premio da sexta edición do Concurso de Tapas do Concello de Oroso, durante o que se degustaron case 3.000 tapas, un 29,8% máis ca na edición anterior. Café Bar Manuela, terceiro na edición de 2014, conseguiu a vitoria tras un reñido reconto canda o “Filet mignon” do Bar Sigüeiro, segundo clasificado, a quen superou por tan só 13 puntos de diferenza: 341 puntos por 328 puntos.

Café Bar Manuela consegue este triunfo con “Peregrino”, unha tapa que conformaba a figura dun peregrino cunha base de zamburiñas e chipiróns recheos. O premio de 300 euros e diploma acreditativo seralle será entregado durante un acto que terá lugar proximamente e que estará presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Bar Sigüeiro obtén un meritorio segundo lugar na súa primeira participación no concurso, mentres que o terceiro posto foi para o gañador da edición de 2014: Tapería O´Martán, que conseguiu 262 votos pola súa “Tosta do Martán”.

Máis de 2.952 consumicións

Este ano participaron no sorteo 460 papeletas válidas (162 máis ca en 2014) e outras 32 quedaron descartadas por non cumprir algún dos requisitos establecidos nas bases. En total, e só contabilizando os selos emitidos para o concurso, no VI Concurso de Tapas do Concello de Oroso se degustaron un total de 2.952 consumicións, ás que hai que engadir as numerosas tapas que se tomaron e que despois non se presentaron ao concurso.

Estas 2952 consumicións supón superar nun 29,8% as degustadas o ano anterior e nun 47% a media rexistrada das cinco anteriores edicións, o que dá testemuño da gran acollida que tivo esta edición que mesmo obrigou ao Concello de Oroso a repartir unha edición especial de boletíns de votacións durante a segunda fin de semana do concurso.

Concurso infantil

Os premios que xa se entregaron foron os do I Concurso Infantil de Tapas Frías, celebrado esta fin de semana no centro cultural de Sigüeiro e no que tomaron parte doce nenos e nenas de idades comprendidas entre os 5 e os 10 anos. Javier Lorenzo Sanmartín, de 7 anos, alzouse co triunfo coa súa tapa “Canapés Magdalena”, elaborados con pan de molde, salmón, queixo, palitos de cangrexo, aguacate, maionesa, eneldo, pementa branca, limón e aceite.

O segundo premio foi para Marta Xuan Martínez Ruíz, de 9 anos, coa tapa “Milhojas mariñeiras con acompañamento de queixo sorpresa”, elaborada con pan de molde, salmón, bonito, surimi, aguacate, maionesa, aceite, queixo e crema balsámica. O terceiro premio foi para Lucía Tabarés Rodríguez, de 10 anos, coa tapa “Hoxaldre mixto”, elaborado cunha tartaleta de hojaldre, leituga, cogombro, amorodos, maionesa, ovos cocidos e surimi. As receitas gañadoras serán publicadas na páxina web do Concello de Oroso.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, foron os encargados de entregar un agasallo a todos os participantes, así como os tres premios aos gañadores: diploma, trofeo conmemorativo e un vale de 70 euros na tenda de deportes Equip@t Sigüeiro, vale por 40 euros na librería Aula 10 e un libro de receitas de cociña MasterChef Júnior, respectivamente.