subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso reparte outros 800 boletíns ante a extraordinaria participación na primeira fin de semana do VII Concurso de Tapas.


A segunda e última xornada terá lugar este sábado 16 e domingo 17 de abril, en horario de 12:00 a 15:00 e de 19:00 a 22:00 horas.

O Concello de Oroso está a realizar estes días un novo reparto de boletíns de votación entre os 21 establecementos hostaleiros que participan na sétima edición do Concurso de Tapas de Oroso, que rematará este sábado 16 e domingo 17 de abril. A extraordinaria acollida que tivo esta iniciativa durante a pasada fin de semana fixo que moitos dos establecementos repartiran todas as 1.000 revistas e os 500 boletíns de votación preparados para todo o concurso, polo que o Concello tivo que facer unha tirada especial de 800 boletíns.

A concelleira de Turismo, Vanesa Boo, explica que “a pesar de que o tempo non acompañou, os hostaleiros nos dixeron que a cousa foi especialmente ben na tarde do sábado e o domingo ao mediodía, cando contaron con moita xente”. Así mesmo, amosou o seu agradecemento aos grupos locais que colaboran desinteresadamente coa iniciativa, ofrecendo pasacalles durante a fin de semana: Asociación Cultural Néboas no Cumio, Asociación Cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso, Agrupación Folclórica Buxos Verdes, Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre e Faíscas da Pontraga.

Un ano máis, o polbo volverá a ser o ingrediente máis empregado na elaboración das tapas e poderá degustarse en espetos, con fabas e ameixas, en tartar ou nunha cazoliña sobre textura de pataca cremosa estilo feira. O popular cefalópodo terá duros competidores nos cogomelos, en irlandés con crema de quixo, con peituga de polo con salsa de xerez, en salsa sobre milfollas de tenreira; nas luras, ben con filloas na súa tinta ben recheas de salsa boletus con alioli gratinado e pataca; ou no xamón, ao forno con patacas e tomates cherry ou en bombóns. Unha grande e variada oferta que o cliente pode consultar no boletín de votación, de xeito que poida escoller as tapas e os locais que lle resulten máis atractivos.

Récord de participación

O VII Concurso de Tapas de Oroso desenvolverase en 21 establecementos que, en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, ofrecerán totalmente de balde aos seus clientes unha tapa, tradicional ou creativa, con cada consumición. Unha vez degustada a tapa, o cliente selará o boletín de votación nese local. Unha vez que teña 6 selos diferentes (un deles dun local non emprazado en Sigüeiro) poderá escoller a súa tapa favorita e votar nunha urna selada que haberá en cada un dos locais participantes. Entre todos os participantes sortearase unha tablet, unha estancia nas Cabanas do Barranco (Outes), 4 vales de compra en supermercados do concello (dous de 100 € e outros dous de 50 €), 4 vales cortesía dos comercios colaboradores (de 100, 80 e dous de 60 €), un par de zocos cortesía do comercio Zoclos e 3 lotes de Petroni (vermú, cubiteira e copas).

Os 21 locais participantes nesta edición son: Sigüeiro Hostel, Bar Tapas, Café Bar Xardín, Bar Sigüeiro, Mesón Tambre, Tapería O´Martán, Sigü Café, Café de Manuela, Cafetería Che, Mesón A Trabe, Bar Restaurante Mirás, Adega O Ribeiro, Restaurante O Cortés, Cafetería Seis Ríos, Ambore Coffee, Bar X que no? e Bodegón Cebrás, todos eles en Sigüeiro. Fora da capital municipal participarán: Parrillada As Viñas (Trasmonte), Restaurante Liñares (Estación Oroso), Bar Stop (Oroso) e O Noso Mesón (Deixebre).