subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso pon en marcha un punto de información para peregrinos.


Está emprazado no exterior da piscina municipal de Sigüeiro.

orosoO Concello de Oroso vén de poñer en marcha un punto de información sobre o Camiño Inglés, emprazado no exterior da piscina municipal de Sigüeiro e que ofrecerá información e asesoramento aos centos de peregrinos que se achegan ata o municipio. No acto de posta en funcionamento participaron esta mañá o alcalde, Manuel Mirás, e a concelleira de Turismo, Vanesa Boo.

Boo explica que “escollemos o exterior da piscina municipal xa que se atopa ao pé do Camiño Inglés, polo que así poderemos informar aos peregrinos, especialmente os grandes grupos que teñen programada a súa visita ao longo deste mes, sobre todos os recursos que teñen á súa disposición en Oroso”.

Así, neste punto de información haberá dípticos informativos, mapas, guías turísticas e todo tipo de información, tanto de consulta como para levar. “Queremos que os peregrinos coñezan non só os recursos turísticos do noso municipio, senón tamén a oferta hostaleira e comercial que teñen á súa disposición”, apunta a concelleira de Turismo. Este punto de información para peregrinos estará activo durante a tempada de verán, xa que o resto do ano poden obter esa información tanto no Concello de Oroso como na Casa da Cultura.